O PPdeG deixa de considerar a Carmen Santos unha interlocutora válida e négase a negociar iniciativas con ela

31 Mar 2017 Written by
Rate this item
(0 votes)

Santiago, 31 de marzo 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, ofreceu unha rolda de prensa este venres na que avanzou que a líder de Podemos Galicia, Carmen Santos, deixa de ser unha “interlocutora válida” para os populares, e que deixarán de negociar ningunha iniciativa con ela.

“Poderá votar, poderá intervir, pero para nós deixa de ser unha representante do pobo de Galicia desde que optou por declaracións extremistas en vez de polo mínimo respecto institucional”, subliñou, logo de que este xoves, a responsable do partido de Pablo Iglesias na Comunidade insistise nas súas declaracións nas que tachaba de asasinos de mulleres aos membros da nosa formación.

 

“Creo que na vida e na política todo ten uns límites, e estamos acostumándonos de xeito demasiado natural a que se sobrepasen sen que isto teña ningún tipo de consecuencia”, salientou Tellado, para logo lembrar que desde o PPdeG se quixo crer na boa vontade de Santos e darlle varias oportunidades de pedir desculpas, ou simplemente de asumir que se trataba dun erro.

 

Ante a súa negativa e persistencia nunhas declaracións que tachou de “miserables”, os populares optan por dar unha resposta contundente e considerar que “desde hoxe o grupo das Mareas de Podemos no Parlamento ten unha deputada menos”.

 

No mesmo sentido, afeoulle a súa actitude cos xornalistas e puxo enriba da mesa que “o seu sectarismo quedou ratificado máis tarde nunha serie de mensaxes en redes sociais que confirman as prácticas do seu partido do acoso a xornalistas. Cando as preguntas non gustan, atacan aos profesionais dos medios de comunicación”. Así, recordou as intimidacións de Podemos xa foron denunciadas pola Asociación da Prensa de Madrid e sentenciou que “a política conleva a obriga de respostar a todas as preguntas que se nos fagan”.

 

Así, Tellado recalcou que “o máis honesto hoxe é pedir que Carmen Santos deixe o seu escano a alguén que mereza máis a función representativa dun pobo que sempre se distinguiu polo seu respecto, a súa educación e o seu sentido común”.

 

Ademais, incidiu en que “a súa postura non só non responde ao sentir da oposición, senón que non responde sequera ao sentir das Mareas de Podemos, nin ao de ninguén en Galicia”. O secretario xeral cre que “a mellor proba disto” é que ninguén do seu grupo a apoiou publicamente, e só un deputado do BNG saíu illadamente na súa defensa, o que cre que merece “unha reflexión” por parte de Ana Pontón.

 


A “DOBRE VARA DE MEDIR” DO BNG
O número dous do PPdeG tamén pediu que a líder dos nacionalistas galegos se pronuncie sobre a investigación por prevaricación dun concelleiro do seu partido na localidade pontevedresa de Poio, e aludiu a que “ten unha grande oportunidade de ser consecuente e pedir o mesmo para os seus concelleiros imputados que o que pide cando os procesos xudiciais afectan a alguén do PP”.

 

“Non pedimos para o BNG o que o BNG pediría para o PP”, apuntou, pero si que quixo solicitar coherencia aos frentistas como inicio “deste tempo novo do que tanto lles gusta falar”.

 

INTENSA AXENDA INTERNA DO PARTIDO
En clave interna, Tellado lembrou en que os populares galegos manteñen unha actividade intensa, e adiantou que a próxima semana se reunirá o Comité de Dirección para establecer “a axenda e a estratexia” de cara aos vindeiros meses.

 

Do mesmo xeito, lembrou que esta fin de semana o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo participará no Congreso Autonómico dos populares de Castela e León, “unha Comunidade da que nos sentimos moi próximos xeograficamente, pero tamén politicamente”.

Read 279 times Last modified on Venres, 31 Marzo 2017 12:07

Media

Leave a comment

Síguenos nas redes sociais