O PPdeG asegura que a Consellería limítase a cumprir a Lei coa orde que fixa as normas para os concertos educativos

31 Mar 2017 Written by
Rate this item
(0 votes)

Santiago, 31 de marzo de 2017.- O portavoz de Educación do  Grupo Popular, César Fernández, manifestou hoxe que a orde da Consellería que fixa as normas para os concertos educativos nos vindeiros seis anos “limítase a cumprir estritamente a lexislación vixente”. Deste xeito, criticou que os socialistas “pretendan que a Xunta incumpra a lei en materia educativa” e pediulles “un pouco de coherencia porque por unha banda critican o ensino concertado e por outra concédenlles distincións a centros deste tipo, como recentemente sucedeu coa entrega do Vigueses Distinguidos ao Colexio de Fomento Las Acacias-Montecastelo”.


César Fernández explicou que “a orde da Consellería amplía o período de vixencia dos concertos de catro a seis anos como consecuencia da modificación introducida pola LOMCE, coa finalidade de que o concerto teña a mesma duración en todas as ensinanzas que se concertan en Galicia”.


“Non obstante, como é xa habitual, os concertos aprobados revisaranse todos os anos para axustalos á realidade dos centros e das necesidades educativas da súa zona de influencia en cada curso”, apuntou.


IGUAL QUE NOUTRAS COMUNIDADES


Así mesmo, o portavoz popular lembrou que “Galicia non é a única comunidade autónoma que cumpre a lei e establece a vixencia dos concertos en seis anos, porque do mesmo xeito estano facendo outras comunidades como Asturias, Baleares, Canarias, Castela e León, A Rioxa e o País Vasco”.


O portavoz popular reiterou que desde o PPdeG “respectamos a decisión libre das nais e pais de escoller entre o modelo educativo mixto ou o que separa aos alumnos en función do xénero, porque iso non implica que eses estudantes non reciban unha axeitada educación en valores”.


“A educación diferenciada por sexo, en si mesma, non implica discriminación, sempre que as oportunidades e contidos educativos que reciben os alumnos sexan iguais”, asegurou.

Read 592 times

Leave a comment

Síguenos nas redes sociais