Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento insta á Xunta a impulsar, xunto coa Fegamp, a creación de cemiterios que atendan os soterramentos conforme aos requisitos das confesións minoritarias

05 Abr 2017

Santiago, 5 de abril de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, a iniciativa do  Grupo Popular, a través da que se insta a Xunta de Galicia a impulsar, conxuntamente coa FEGAMP, a creación de cemiterios de carácter supramunicipal que podan atender a demanda de enterramentos conforme aos criterios das confesións relixiosas minoritarias con maior arraigamento en Galicia. Así mesmo, demándase a modificación do Decreto 151/2014 de sanidade mortuoria de Galicia, para regular aqueles soterramentos que teñan que ser feitos en contacto coa terra.


O deputado Alberto Pazos explicou que con esta iniciativa parlamentaria preténdese dar unha solución á problemática que padecen cidadáns, tanto estranxeiros como un crecente número de cidadáns galegos, para dar sepultura aos seus seres queridos cumprindo cos requisitos establecidos polos seus respectivos credos relixiosos.


“Nalgúns casos óptase por subscribir un seguro que permita a repatriación dos seus restos mortais ao seu país de orixe, pero cando as posibilidades económicas non permiten a subscrición deste seguro, son os outros membros da comunidade os que deben argallar distintas solucións para poder repatriar eses restos funerarios, asumindo unha tarefa administrativa moi complexa, ademais de sufragar uns custos de traslado certamente importantes, que oscilan entre os 5.000 e os 14.000 euros”, indicou.


RESOLVER PROBLEMA HUMANO


Alberto Pazos sinalou que esta proposición non de lei “resolve un problema de carácter humano, avanzando no exercicio dos dereitos civís das minorías de Galicia”. “O PPdeG defende o principio de liberdade relixiosa e de cooperación dos poderes públicos coas confesións, consagrado no artigo 16 da Constitución Española”, sinalou.


“Nun tempo no que os ataques a proxección pública de calquera elemento relixioso parece estar xustificada baixo o falso argumento de que a perfección democrática só se alcanza a través da aplicación dos principios laicistas, queremos facer unha defensa do modelo democrático, que aposta decididamente por outorgar un estatus público ao feito relixioso, de calquera confesión, e sen mais límite que o que establece o único libro que a todos nos representa e a todos nos obriga: a Constitución Española de 1978”, manifestou.


COMPETENCIA DA ADMINISTRACIÓN LOCAL


O deputado popular indicou que “á Xunta de Galicia correspóndelle o impulso para abordar un problema que afecta a un bo número de familias galegas, ben sexa de orixe, ben sexa polo seu sentimento de pertenza a esta terra; pero non podemos esquecer que a de cemiterios é unha competencia básica da administración local”. 
Porén, a pesar do incremento no número de cidadáns que profesan relixións minoritarias, dificilmente os concellos poderían dar solución a esta problemática de modo individual, debido fundamentalmente á dispersión xeográfica desta poboación e a falta de masa crítica que xustifique a creación de cemiterios destas características en cada un dos concellos galegos ou incluso en concellos puntuais.


“Por iso creemos que a mellor maneira de abordar esta cuestión e mediante a colaboración coa FEGAMP, lexítima representante do conxunto do municipalismo galego, a fin de buscar a solución mas acaída a cada caso de maneira conxunta e mais racional”, asegurou Alberto Pazos.

Síguenos nas redes sociais