O Parlamento insta á Xunta a poñer en marcha un procedemento de consulta previa á elaboración de normativa

20 Abr 2017 Written by
Rate this item
(0 votes)

Santiago, 19 de abril de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a poñer en marcha no primeiro semestre deste ano un procedemento de consulta publica previa á elaboración polo Goberno galego de normativa, co obxecto de fomentar a participación da cidadanía e das organizacións e asociacións con carácter previo á redacción dos proxectos de regulamento e anteproxectos de lei que teñan impacto significativo na actividade económica ou impoñan obrigas relevantes para os seus destinatarios.


O deputado Alberto Pazos lembrou que “o actual Goberno da Xunta, presidido por Alberto Núñez Feijoo, e co respaldo nesta cámara do Grupo Parlamentar Popular, vén desenvolvendo nos últimos anos un avance normativo en materia de transparencia pública e participación cidadá que non admite parangón con ningún outro goberno autonómico precedente”.


INSTRUMENTOS LEGAIS


“Esta actividade lexislativa nace do convencemento sobre a necesidade ineludible de dar satisfacción a unha crecente esixencia cidadá de maior participación na res publica, como fórmula que permita recuperar a confianza dos cidadáns nos seus representantes”, indicou.


En concreto, Pazos dixo que, froito dese esforzo por transparentar a actividade pública, Galicia dotouse de instrumentos legais tan importantes como a Lei de transparencia e bo goberno; a Lei de asistencia xurídica do sector público autonómico; a nova Lei do Consello de Contas; a Lei de financiamento de partidos políticos; a Lei de participación cidadá; e a Lei de garantía da calidade dos servizos e boa administración.


“Gracias a toda esta normativa, hoxe os galegos gozan de maior capacidade para fiscalizar aos seus representantes públicos e teñen maior capacidade para incidir na lexislación que rexe as súas vidas da que tiveron nunca”, salientou


NOVO IMPULSO


Alberto Pazos engadiu que con esta proposición non de lei “queremos dar un novo impulso á participación cidadá, despois de facilitar a participación na fase de tramitación parlamentaria e na fase de tramitación administrativa, abrindo esta participación á fase previa, é dicir, á da propia elaboración da norma”.


O deputado popular lembrou que “esta idea xa foi ensaiada coa propia Lei de transparencia, para cuxa elaboración abriuse un buzón de suxestións durante un mes no que se recibiron achegas que foron incorporadas dende o inicio ao proxecto de lei que comezou a tramitar a Xunta.”


“Aquela iniciativa pioneira anímanos a solicitar que o procedemento habitual á hora de iniciar a tramitación da normativa autonómica sexa o de solicitar suxestións á cidadanía galega sobre o contido a incorporar na norma que se pretende elaborar por parte da administración”, apuntou.

Read 554 times

Síguenos nas redes sociais