O Grupo Popular avoga por concienciar e formar á sociedade na mellora da convivencia nas aulas para evitar situacións de acoso

19 Mai 2017 Written by
Rate this item
(0 votes)

Santiago, 18 de maio de 2017.- O portavoz de Educación do  Grupo Popular, César Fernández Gil, avogou hoxe no Parlamento por “concienciar e formar ao conxunto da sociedade na mellora da convivencia nas aulas para evitar situacións de acoso dentro e fóra das mesmas”. Para isto, puxo en valor a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020 posta en marcha pola Xunta de Galicia, que recolle os pasos a dar ante unha posible situación de acoso ou ciberacoso, así como as diferentes estratexias de prevención.


César Fernández explicou que a Estratexia Galega de Convivencia Escolar afonda na formación de alumnado, familias, profesorado e equipos directivos para a prevención de conflitos; na difusión de experiencias de éxito e boas prácticas; na homoxeneización de documentos e no establecemento de modelos normalizados para axilizar a xestión dos conflitos; na potenciación do procedemento conciliado e da mediación como vías de resolución de conflitos; e na coordinación das accións con outras entidades ou institucións que traballen en prol da mellora da convivencia.


Así mesmo, a Estratexia prevé a compilación inicial de datos sobre o estado da convivencia nas aulas dos colexios galegos, co obxectivo de acadar unha primeira diagnose baseada en datos obxectivos e medibles que permitan centrar os plans de convivencia de cada centro e fixarse novas metas a nivel autonómico, tarefa que terá que desenvolver o Consello para a Convivencia Escolar de Galicia.


MACRO ENQUISA


O portavoz popular lembrou que a Consellería de Educación realizou en 2015 unha macro enquisa para testar a convivencia nos centros de ensino galego, coa participación de case 200.000 persoas. “No referido ao acoso escolar, as familias situárono no oitavo posto entre as condutas contrarias á convivencia, ao tempo que os alumnos situárono no último ou penúltimo lugar”, indicou.


“Porén, a Consellería de Cultura quere seguir avanzando neste ámbito para corrixir calquera conduta nociva que se detecte, reforzando a formación do profesorado na resolución pacífica de conflitos ou a través da mediación ou promovendo proxectos específicos en materia de convivencia”, dixo César Fernández.


De feito, no pasado curso 2015-16, máis de 2.000 profesores formáronse no ámbito da mellora da convivencia escolar e desenvolvéronse un total de 103 actividades formativas neste eido. Ademais, 48 centros introduciron esta temática nos seus plans propios de formación e 106 contan con contratos-programa sobre convivencia.

Read 35 times

Leave a comment

Síguenos nas redes sociais