Pedro Puy asegura que os asuntos propostos pola oposición “non son temas sobrevidos” como para convocar un Pleno extraordinario

28 Xul 2017

Santiago, 28 de xullo de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe na Deputación Permanente que nin a Lei de inclusión social, nin o traspaso da AP-9 nin o transporte público “son problemas sobrevidos” como para convocar un Pleno extraordinario e lembrou que dous deles aínda foron tratados na última sesión plenaria celebrada hai dúas semanas.

 

Puy dixo que no último Pleno do 12 de xullo o Presidente da Xunta respondeu a preguntas dos tres grupos da oposición sobre a AP-9, ao tempo que a propia conselleira de Infraestruturas tamén compareceu para dar conta do Plan de transporte público de Galicia. Ademais, o conselleiro de Política Social xa ten informado en sesión plenaria que o decreto que desenvolve a Lei de inclusión social de Galicia estará aprobado antes de que remate o presente ano 2017.

 

SEN NOVIDADE RESPECTO DA AP-9

 

Respecto da solicitude de traspaso da AP-9, o portavoz popular subliñou que “non hai novidades porque o Goberno central sempre mantivo a súa postura contraria a esta transferencia”. “Se houbo cambios en Galicia, porque é a primeira vez que todos os grupos están de acordo en solicitala”, sinalou.

 

Neste sentido, avogou por “manter a unidade existente no Parlamento galego, demostrada na proposición de lei aprobada por unanimidade no Pleno e destacou que “o Goberno galego non está enganando coas peaxes, porque a transferencia non suporá a súa eliminación”. “O Presidente da Xunta está a avanzar na redución de custos que implicaría ese traspaso, como o pago pola supresión das peaxes de Rande ou A Barcala, que suporá un aforro de 180 millóns de euros á Xunta ata o final da concesión”, apuntou.

 

Sobre o Plan de transporte público, Pedro Puy explicou que xa están resoltos 38 dos 41 concursos, “recaendo a maioría nas UTEs das pequenas e medianas empresas que xa estaban prestando os servizos”.

 

 

CLÁSICO DO VERÁN

 

O portavoz popular manifestou que a convocatoria dunha Deputación Permanente “é un clásico do verán” e recordou asuntos abordados en deputacións permanentes celebradas en pasados anos, como a autovía da Costa da Morte, o desemprego, a situación do naval, a desaparición de Novacaixagalicia ou a hepatite C, para afirmar que “son problemas que se van resolvendo”.

 

Deste xeito, indicou que “as cuestións sobre as que os grupos da oposición solicitan a convocatoria dun Pleno extraordinario poden esperar catro semanas para ser tratadas nunha sesión plenaria en período ordinario” e neste tempo “a Xunta seguirá avanzando, resolvendo e sentando as bases para que os problemas estruturais teñan unha solución a curto ou medio prazo”.

Síguenos nas redes sociais