Pedro Puy afirma que o incremento do teito de gasto para 2018 é consecuencia de que “a economía vai razoablemente ben”

01 Ago 2017 Written by
Rate this item
(0 votes)

Santiago, 1 de agosto de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, manifestou hoxe que o incremento do teito de gasto da Comunidade galega para 2018, aprobado esta mañá polo Pleno do Parlamento, é consecuencia de que “a economía vai razoablemente ben” e apuntou que “sen crecemento non se crea emprego nin existe capacidade para prestar políticas sociais”.

Puy destacou que “Galicia é unha comunidade avanzada en transparencia económica, xa que é das poucas autonomías nas que se debate en sesión plenaria o teito de gasto”. Ademais, subliñou que “Galicia ten algo que non teñen outras comunidades: a estabilidade que lle da unha maioría ampla e sólida, que lle permite que nós cumpramos as normas e os prazos”.

 

POR ENRIBA DA INFLACIÓN

Na súa intervención, o portavoz popular cualificou de “significativo” o incremento do teito de gasto para 2018: máis de 490 millóns de euros sobre o orzamento inicial de 2017 e un 2,7 por cento sobre o gasto real logo da aprobación da modificación do presuposto. “Deste xeito, o gasto público vai medrar por enriba da inflación, prevista no 1,4 por cento, cumprindo un ano máis as regras de estabilidade financeira e a sostenibilidade do gasto”, engadiu.

 

Pedro Puy subliñou que o teito de gasto para 2018 sitúase nos mesmos niveis de capacidade de gasto real que en 2008. Así, dixo que do orzamento inicial de 10.900 millóns de euros fixados para aquel ano, habería que restar os 830 millóns de euros de transferencias ás corporacións locais que xa non se incorporan nos presupostos actuais, por recomendación do Consello de Contas, e outros 574 millóns das liquidacións negativas “que aínda estamos a pagar”.

 

“Estamos nunhas cifras de gasto equivalentes aos últimos orzamentos do Goberno bipartito, pero con diferenzas importantes: a economía está a crecer sobre bases máis sólidas e equilibradas; a estrutura de gasto variou e agora o gasto social ocupa o 80 por cento do orzamento; Galicia se sitúa como a segunda comunidade española en investimento per cápita; se paga aos provedores en tan só 8 días; e somos unha das comunidades con menor incremento da débeda e cun déficit estrutural que tende ao cero”, afirmou.

 

PAGAR MENOS POLOS XUROS E AFORRO DE PEAXES

Ademais, subliñou o feito de que “agora teñamos que pagar menos polos xuros dunha débeda cada vez menor, ao que se suman os sete millóns de euros que cada ano nos aforraremos polas peaxes de Rande e A Barcala que agora asumirá o Goberno central”.

 

Para rematar, Puy avanzou que “imos seguir facendo estas boas prácticas económicas, que nos están permitindo paliar os efectos sociais da crise, incrementar a igualdade de oportunidades e crear incentivos ás empresas, como coa recente proposición de lei que vimos de rexistrar no Parlamento para facilitar a implantación empresarial en Galicia”.

Read 156 times

Síguenos nas redes sociais