Tellado subliña que o PPdeG aposta por un rural con máis emprego, máis servizos e menos impostos

11 Out 2017 Written by
Rate this item
(0 votes)

Melide, 11 de Outubro de 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, participou este mércores nunha visita a Melide xunto coas coordinadoras de Medio Rural e Igualdade, Raquel Arias e Susana López Abella; así coma da conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller Rural, que se celebra o 15 de outubro. Alí, previamente á reunión das dúas comisións do partido, puideron visitar unha explotación gandeira rexentada por unha muller.

 

Nas declaracións realizadas aos medios de comunicación, Tellado subliñou que “Galicia non se pode entender sen o seu rural, porque está no noso ADN e é unha gran parte de como entendemos o territorio, e aínda hoxe ten unha grande importancia e peso na nosa economía”. Por iso, reivindicou a necesidade dun rural “con futuro” e de que as administracións traballen por el, por iso reiterou a aposta dos populares galegos para que teña máis emprego, máis servizos públicos e se paguen menos impostos.


Neste sentido, insistiu na necesidade de que nos pequenos pobos e vilas galegas se poidan instalar novas empresas e se consoliden as que xa están instaladas, e valorou positivamente as axudas ao emprendemento da Xunta e a posta en marcha da nova Lei de Fomento de implantación de iniciativas empresariais para a creación de emprego.

 

Tamén destacou a idea de reducir a carga fiscal para poñer en valor o programa de Impostos Cero no rural, que permite exencións no pagamento de taxas por compravenda ou permuta de fincas, así como as axudas á rehabilitación de inmobles e facilidades ao investimento que anunciou o presidente Alberto Núñez Feijóo durante o último Debate do Estado da Autonomía.

 

“Queremos un rural con máis servizos e no que sexa máis doado ter fillos e conciliar, para poder reverter a delicada situación demográfica na que nos atopamos”, explicou, para lembrar as novas medidas do Goberno galego como a ampliación da Tarxeta Benvida para os nenos de ata tres anos, o reforzo dos hospitais comarcais, ou o aumento da rede de garderías públicas, Casas Niño e centros de atención á terceira idade.

 

“A XUNTA APOSTA POLAS MULLERES”
O número dous dos populares galegos que cre que “é xusto recoñecer que a Xunta está apostando decididamente polas mulleres”, reducindo a brecha que aínda se atopan no mercado laboral. Sobre isto recordou que recentemente se presentou un Plan de Emprego feminino dotado con 100 millóns de euros e que pretende beneficiar a 46.000 galegas, especialmente para o fomento do emprego de calidade e que aquelas galegas que deixaron a súa carreira profesional para ser nais a retomen.

 

Tellado tamén quixo lembrar que “o rural galego non se pode entender sen as súas mulleres. Durante anos, elas levaron o peso do traballo do agro, pero tamén da cohesión familiar. Elas foron a pedra angular sobre a que se construíu a nosa sociedade tal e como a coñecemos durante xeracións”. Así, concluíu que “cremos que o noso rural ten moito futuro, e o futuro pasa, como pasou o seu pasado e o seu presente, pola acción das galegas que traballan día a día por el”.

Read 294 times

Síguenos nas redes sociais