O Parlamento aproba a primeira iniciativa non lexislativa popular para incluír na oferta educativa do bacharelato a obrigatoriedade da Historia da Filosofía

18 Out 2017 Written by
Rate this item
(0 votes)

Santiago, 18 de outubro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá por unanimidade a primeira proposición non de lei de iniciativa popular, a través da que se insta á Consellería de Educación para que realice as adaptacións necesarias para incluír na oferta educativa do bacharelato a obrigatoriedade da Historia da Filosofía como materia troncal.

 

Ao mesmo tempo, demándase do Goberno central que propicie nos traballos do Pacto Educativo un debate en profundidade sobre a situación da filosofía no sistema educativo e a necesidade da súa pervivencia.

 


O portavoz de Educación, César Fernández, salientou que sexa a “filosofía a que permita dar nesta Cámara un paso cara adiante, aprobando a primeira proposición non de lei de iniciativa popular que se debate neste Parlamento e que, ademais, sae adiante co apoio de todos os grupos parlamentarios”.

 


NUNCA VAI DESAPARECER

 


César Fernández amosouse “convencido da importancia da filosofía e do que aporta para o futuro da sociedade” e engadiu que “todos somos conscientes de que a filosofía nunca vai desaparecer”.

 


“Na sociedade todos nos preguntamos que podemos coñecer, que debemos facer, que cabe esperar ou que é o home e o ser humano, polo que a filosofía, independentemente da condición e do contexto concreto, forma parte da natureza humana e é inalienable do propio ser humano”.

 


O portavoz popular sinalou que “coincidimos desde o primeiro momento coa iniciativa que se nos presentou desde a Comisión Promotora” e agradeceu o seu traballo para sacar adiante esta proposición non de lei. “Cando se argumenta e se poñen enriba da mesa razóns, a propia filosofía é a que nos ensina a comprender e consensuar para chegar a acordos”, dixo.

Read 262 times

Síguenos nas redes sociais