O Parlamento aproba solicitar ao Goberno a cesión do rendemento do imposto de sucesións e doazós ás CCAA para non residentes

18 Out 2017 Written by
Rate this item
(0 votes)

Santiago, 18 de outubro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno central para que ceda ás comunidades autónomas o rendemento do imposto sobre sucesións e doazóns derivado da obriga real de contribuír, da obriga persoal do causante non residente, así como da adquisición de bens inmobles situados fóra de España.

 

 Está cesión comprenderá tamén a delegación das competencias de xestión, recadación, inspección e revisión correspondentes.

 

 
No curso do debate, o portavoz de Facenda explicou que “na configuración do noso sistema tributario o imposto de sucesións e un imposto cedido, e dicir, é un tributo do Estado pero con competencias normativas das comunidades autónomas”.

 


CORRESPONSABILIDADE

 


“É unha fórmula que favorece a corresponsabilidade entre o Estado e as comunidades autónomas, así como a autonomía financeira destas últimas, de xeito que poden tomar as súas propias decisións en materia tributaria”, sinalou. No caso de Galicia, esta competencia normativa no imposto de sucesións e doazóns permitiu a Xunta regular unha importante redución na tributación deste imposto para os contribuíntes residentes en Galicia a partir do 1 de xaneiro de 2016, que supuxo a supresión de facto do imposto para o 99 por cento dos galegos e galegas. Porén, por un problema técnico esta situación non se aproveitaba nos casos nos que na herdanza ou doazón estaba implicado un non residente, xa fora o falecido, o herdeiro, o donante ou o que recibe a doazón.

 


MODIFICACIÓN NORMATIVA

 


José González explicou que o motivo é que nestes casos o imposto non estaba cedido ás comunidades autónomas, polo que, ata o 1 de xaneiro de 2015, estes casos tiñan que tributar de acordo coa normativa estatal, que é mais prexudicial que a galega. Esta situación discriminatoria foi declarada por unha sentencia do Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas de 3 de setembro de 2014, que motivou unha modificación normativa para que as herdanzas e doazóns nas que estivesen implicados os non residentes tributasen de acordo coa normativa autonómica que correspondese en cada caso.

 


Na proposición non de lei hoxe aprobada pídese que se vaia mais alá e que se ceda as CCAA tamén o rendemento do imposto e a delegación das competencias de xestión, recadación, inspección e revisión correspondentes.

 


O portavoz de Facenda do Grupo Popular, José González Vázquez, explicou que a cesión completa do imposto de sucesións e doazóns ás comunidades autónomas como se solicita nesta iniciativa permitirá “unha aplicación homoxénea e igualitaria da norma a todos os contribuíntes por administracións especializadas neste tributo”.

 

 
“Conseguiríamos unha maior eficiencia na xestión, ao mesmo tempo que se facilitarían as obrigas aos contribuíntes diminuíndo de forma significativa a presión fiscal indirecta, ademais de aumentar os ingresos das comunidades autónomas e, polo tanto, a súa autonomía financeira”, engadiu.

Read 210 times

Síguenos nas redes sociais