Feijóo comparecerá no pleno da vindeira semana para informar da vaga de incendios forestais do mes de outubro

31 Out 2017 Written by
Rate this item
(0 votes)

Santiago, 31 de outubro de 2017.- O Presidente da Xunta comparecerá no Pleno do Parlamento galego da vindeira semana para informar sobre a vaga de incendios forestais que sufriu Galicia en outubro e especialmente entre os días 14 e 15 deste mes.

 

 

Así mesmo, o Grupo Popular defenderá nesta sesión plenaria a elaboración dos plans reitores de uso e xestión dos seis parques naturais de Galicia e do parque nacional das Illas Atlánticas, así como a elaboración dun proxecto de Lei en materia de rehabilitación e recuperación dos núcleos rurais e urbanos con valor histórico ou patrimonial.

 


Pedro Puy avanzou que o Pleno abordará o debate de toma en consideración do proxecto de Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas, a primeira norma autonómica que establece unha regulación global deste asunto e que dotará dunha maior seguridade tanto aos grandes eventos como as verbenas populares.

 


O portavoz popular explicou que este texto lexislativo aborda diversas esferas como a seguridade, os controis de acceso, o papel das administracións en cada caso, os horarios, o tratamento dos menores nestes eventos, a prohibición da revenda de entradas, ou mesmo as sancións no caso de que nalgún momento se produza un incumprimento.


“O documento entra no Parlamento despois dun longo período de elaboración no que foron escoitados os responsables municipais, a través da FEGAMP, así como os sectores máis representativos aos que vai dirixida”, salientou Puy, quen apuntou que “desde o Grupo Popular tamén se teñen establecido contactos con estes sectores a fin de coñecer as súas propostas e concretar as posibles emendas para a mellora do proxecto de lei”.

 


RÁPIDA REACCIÓN

 


A Xunta de Portavoces acordou, ademais, a inclusión da comparecencia do Presidente da Xunta no Pleno, atendendo a súa propia solicitude e a dos grupos da oposición, para falar dos incendios forestais, Neste sentido, Puy destacou “a rápida reacción do Goberno, xa que, o mesmo martes despois da vaga de incendios dos días 14 e 15 de outubro e cando aínda se estaba loitando contra as lapas, compareceu a conselleira do Medio Rural no Pleno do Parlamento para falar do máis inmediato, e unha vez que xa hai unha análise máis pormenorizada dos danos ven o propio Presidente”.

 


Respecto das proposicións non de lei que defenderá o Grupo Popular, Pedro Puy concretou que “solicitaremos, tal e como se recolle no programa electoral co que nos presentamos ás eleccións autonómicas, a elaboración dos plans reitores de uso e xestión dos parques naturais das Fragas do Eume; Baixa Limia e Serra do Xurés; Serra da Enciña da Lastra; complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixan; do Invernadoiro; e do Monte Aloia; así como do parque nacional das Illas Atlánticas”.

 


Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular solicita ao Goberno galego a aprobación, para a súa remisión ao Parlamento, dun proxecto de lei en materia de rehabilitación dirixido á simplificación lexislativa, administrativa e de xestión, que preste especial atención á recuperación dos núcleos rurais e urbanos con valor histórico ou patrimonial.

 


Por último, o Grupo Popular preguntará ao Goberno galego polo número de permisos de explotación de marisco convocados para o presente ano 2017; o balance da política de fomento de especialización dos campus universitarios de Galicia; e sobre as exportacións do sector da conserva.

 


“En resumo, a orde do día da sesión plenaria da vindeira semana incorpora 28 asuntos, dos que cinco son a iniciativa do Goberno galego ou do Grupo Popular, unha comparecencia solicitada conxuntamente polo Goberno e os grupos da oposición; e os restantes 22 asuntos son a iniciativa da oposición”, concretou.

Read 449 times

Síguenos nas redes sociais