O Grupo Popular reitera o seu compromiso cunha regulación laboral que evite os abusos e incuprimentos na xornada dos traballadores

21 Nov 2017


Santiago, 21 de novembro de 2017.- O viceportavoz parlamentario do Grupo Popular, Miguel Tellado, reiterou este martes no Parlamento o compromiso do Grupo Popular cunha regulación laboral que evite os abusos e incumprimentos na xornada dos traballadores.

 


Nun debate sobre a necesidade de establecer un rexistro da xornada dos traballadores, Tellado subliñou que é unha cuestión que durante anos estivo “nunha sorte de limbo legal” e que creou unha certa inseguridade xurídica, solucionada parcialmente cunha recente sentenza do Tribunal Supremo que  tamén valora a conveniencia de impulsar unha reforma lexislativa que clarifique a obriga de levar un rexistro horario que facilite aos traballadores acreditar a realización de horas extraordinarias.

 


MESA DE DIÁLOGO SOCIAL

 


“Toda reforma que sirva para evitar a fraude,  protexer os dereitos dos traballadores e dotarnos dun ámbito laboral que sexa xuridicamente o máis seguro posible é unha boa noticia para o país”, destacou o viceportavoz. Neste mesmo sentido, lembrou que xa existe unha mesa de diálogo social con ampla representación a nivel nacional que está avaliando posibles medidas para mellorar a calidade do emprego.

 


Ademais, quixo poñer enriba da mesa que a Comunidade galega ten ferramentas propias para evitar a fraude neste eido, como é a Inspección Laboral. Nela, desde 2009 realizáronse máis de 700.000 actuacións, que deron lugar a máis de 40.000 actas e sumaron 132 millóns de euros en sancións.

 


Sobre a proposición de lei defendida polo BNG, Tellado lamentou que os nacionalistas “traian unha proposta imposible á Cámara”, e explicou que reclaman que o Congreso admita a trámite unha iniciativa que xa está en fase de emendas nas Cortes Xerais, co que entende que é “extemporánea” e está “fóra de lugar”.

 


Do mesmo xeito, reflexionou acerca de que a única motivación do BNG para presentar esta iniciativa é “saír na foto” e “aparentar que teñen algo que dicir” neste tema. Así, lembroulles aos nacionalistas que xa non están no Congreso “porque así o quixeron os galegos” e recomendoulles que se queren presentar algunha emenda ao debate en Madrid “utilicen aos seus socios de Bildu, cos que xa foron ás eleccións europeas”. 

Síguenos nas redes sociais