O Parlamento insta á Xunta a promover a humanización dos servizos sanitarios

05 Dec 2017 Written by
Rate this item
(0 votes)

Santiago, 5 de decembro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a continuar coa transformación dos servizos sanitarios para responder mellor aos requirimentos e expectativas da cidadanía, promovendo a humanización destes servizos nas súas vertentes de capacitación científico-técnica dos profesionais e de aproximación humana ao paciente, digno de respecto e consideración.

 

“Parécenos fundamental o coidado dos profesionais sanitarios para que poidan desempeñar o seu traballo lonxe do estrés diario inherente ao desempeño do seu labor en moitas ocasións”, sinalou o deputada popular Encarna Amigo.

 


Na súa intervención no Pleno, Amigo considerou “importantes” os avances conseguidos nos últimos anos en infraestruturas sanitarias, na implantación de novas tecnoloxías, na mellora da interconsulta ou no incremento de capital humano, “onde se fixo un plan de estabilidade, asinado o pasado mes de abril, que vai permitir reducir ata o cinco por cento a porcentaxe que representa o persoal eventual”.

 


SERVIZO AOS DEMAIS

 


“Unha vez se ten actuado en todos estes eidos, pensamos que agora é o momento de actuar na humanización”, dixo a deputada popular, quen explicou que “o obxectivo central da humanización da saúde é orientar a actuación no mundo da saúde cara ao servizo da persoa doente, considerándoo na súa globalidade persoal e tratando de ofrecerlle unha asistencia integral con cordialidade, que responda ás dimensións psicolóxica, biolóxica, social e espiritual”.

 


Neste sentido, Encarna Amigo cualificou de “fundamental que todos os profesionais orienten o seu coñecemento ao servizo aos demais, situando en primeiro lugar a sensibilidade e a ética no acto do coidado, resaltando a dignidade humana e ofrecendo unha óptima atención, comunicación e información aos usuarios, pacientes familias e outros profesionais involucrados no sistema”.

 


A deputada popular afirmou que “os profesionais son o principal valor do sistema sanitario e, deste xeito, o principal axente de humanización”. Por este motivo, manifestou que “é fundamental desenvolver e formar as súas capacidades e habilidades para a comunicación, a bioética e a relación de axudas, xunto con habilidades emocionais e sociais e previr o síndrome de desgaste profesional”.

Read 69 times

Síguenos nas redes sociais