Tellado: "Galicia cre no turismo e os turistas cren en Galicia"

12 Xan 2018

Santiago, 12 de xaneiro de 2018.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, celebrou esta mañá que “Galicia cre no Turismo e os turistas cren en Galicia”, poñendo en valor as actuacións dun Goberno que respecta a un sector que supón arredor do 12% do emprego da Comunidade e un 11% do PIB.


Nese senso, o número dous dos populares galegos valorou positivamente a posta en marcha da Comisión organizadora do Xacobeo 2021, que terá como obxectivo que o vindeiro Ano Santo sexa o mellor da historia. “Este goberno sabe ben o que é chegar ao poder cun Xacobeo para o que non se movera nin un só papel, e ter que organizalo de cero, por iso queremos comezar a preparar un evento que lle dará a Galicia unha dimensión mundial desde xa tres anos antes”, subliñou.


A medida foi anunciada onte polo presidente Alberto Núñez Feijóo, uns días antes de coñecermos os datos definitivos de Turismo do peche de 2017, “un ano que estamos seguros que volverá a ser récord e no que agardamos superar os 5 millóns de visitantes”.


Do mesmo xeito, Tellado amosouse satisfeito de que na nosa Comunidade non proliferasen os brotes de turismofobia que desde algúns sectores políticos doutras Comunidades Autónomas se quixo alimentar.


“Afortunadamente, os que alentaron estas correntes en Galicia non están no Goberno, porque cremos que só desde a ignorancia se pode entender como un fenómeno negativo a chegada ordenada de visitantes a un territorio”, insistiu engadindo que os que están en contra do turismo “son os mesmos que vemos día a día que están en contra do desenvolvemento económico, ou da actividade industrial, e piden cada día que se pechen industrias na nosa terra”.


UN GOBERNO INCONFORMISTA, CON IDEAS E PROXECTO
Por outra banda, Miguel Tellado lembrou que dende que comezou a fase de recuperación económica -que xa se estende ao longo de máis de tres anos ininterrompidos-, os populares nunca foron nin serán conformistas cos bos resultados macroeconómicos. “Non seremos autocomplacentes nin aínda tendo un mellor comportamento en 2017 ca en 2016, nin tendo un mellor comportamento cá media española no ano que acabamos de pechar”, remarcou.


Como exemplo dese traballo que o Goberno autonómico leva a cabo para levar a recuperación a todos os fogares galegos, o secretario xeral salientou a posta en marcha de tres novas liñas de axudas dotadas con 14 millóns de euros para impulsar a contratación no noso rural. A iniciativa, anunciada onte pola Xunta, está dentro da clara aposta polos pequenos concellos, por consolidar o emprego en pequenas e medianas empresas -que conforman a maior parte do tecido produtivo do país- e por fomentar a creación de postos de traballo en iniciativas xurdidas da Universidade, co que tamén se aposta polo talento galego e a xuventude.


Segundo Tellado, estas medidas falan ben dun Goberno autonómico inconformista, con ideas e cun proxecto de futuro para Galicia. “Inconformista, porque quere mellorar uns datos de emprego que ao final do pasado ano xa foran históricos; con ideas, porque traballa cada día en novas liñas para mellorar a calidade de vida dos galegos; e con proxecto para Galicia, porque desde a estabilidade institucional e o rigor na xestión está a construír unha Galicia máis moderna, con máis oportunidades económicas para todos e mellores servizos públicos”, aseverou.

Síguenos nas redes sociais