O PPdeG celebrará unha xornada de traballo con dirixentes municipais para avanzar na política de proximidade de cara ás municipais

09 Feb 2018

Santiago, 9 de febreiro de 2018.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, anunciou que a vindeira semana o PPdeG celebrará a xornada de traballo "Facendo Galicia desde os concellos" á que estarán convidados alcaldes e concelleiros de toda a Comunidade e que avanzará na política de proximidade coa vista posta nos comicios municipais de 2019. Alí todos escoitarán como compañeiros do partido comparten experiencias de éxito no eido local, de vitorias, pero tamén sobre como facer un traballo duro e moitas veces ingrato que é o de estar na oposición.

 

A xornada, que será clausurada polo presidente Alberto Núñez Feijóo, estará estruturada en varias mesas redondas, nas que se darán cita representantes das catro provincias, tanto das cidades como de vilas intermedias e pequenos concellos, e que se atopan hoxe no goberno e na oposición. “En definitiva, exemplos todos dunha forma de facer política moi nosa e moi característica deste partido: que é a política de proximidade e a que se atopa máis preocupada polos problemas dos veciños”, engadiu Tellado.

 

Os populares levan tempo realizando un intenso labor de cara ás vindeiras municipais, de fortalecemento interno das estruturas e de renovación a nivel local; así como unha axenda de formación que está alcanzando diversas facetas, como poden ser a da comunicación ou a da xestión. Da combinación de ambas xorde o evento que celebrarán o próximo 17 de febreiro en Santiago e que terá unha transcendencia que vai máis alá dunha das moitas reunións que manteñen os diferentes órganos do partido.

 

“Facemos isto porque cremos que ninguén mellor que moitos dos nosos alcaldes, portavoces e concelleiros pode dar claves de como se xestiona o día a día dun concello, de como se gaña a confianza dos veciños, de como se reforza unha maioría absoluta, de como se pode gañar arrancando desde a oposición e de como se pode facer unha oposición moi digna despois de gañar as eleccións e de que os pactos de perdedores eviten que gobernemos”, remarcou o secretario xeral.

 

Así mesmo, subliñou que no Partido Popular de Galicia teñen a grandísima sorte de que en cada recuncho de Galicia hai alguén cunha experiencia que contar e alguén de quen se pode aprender. “E con este acto estamos dispostos deixar claro que o aproveitamos”, dixo.

 

Tellado tamén salientou que son a única formación da Comunidade que se pode permitir facer un evento coma este xa que “somos os únicos que temos máis de 150 alcaldes, que temos máis de 1.800 concelleiros, que estamos en todos e cada un dos concellos galegos, que podemos reunir a varios centos de cargos e acabar sen discusións, sen conspiracións ou sen división; e que podemos dicir o mesmo en Ferrol, en Mos, en Mondoñedo ou en Oímbra, incluso respectando as particularidades de cada lugar”. “Ese é o gran valor do Partido Popular de Galicia, os milleiros de persoas que o conforman e que cren nun proxecto centrado, rigoroso e de futuro para esta terra”, concluíu.

Síguenos nas redes sociais