Fiscalizar o reparto das axudas das deputacións aos concellos, entre as recomendacións ao Plan de traballo do Consello de Contas que se debaterán no próximo Pleno

12 Feb 2018

Santiago, 12 de febreiro de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avanzou hoxe a previsión de que no Pleno da vindeira semana se aproben as recomendacións ao Plan de Traballo do Consello de Contas para 2018, entre as que figura a solicitude para que fiscalice os criterios que seguen as deputacións provinciais para o reparto dos recursos dos plans provinciais entre os concellos, así como a eficiencia do gasto e o seu peso relativo nos orzamentos.

 

 


Pedro Puy defendeu que o Consello de Contas “elixa os seus obxectos de traballo e fiscalización con absoluta independencia”. Neste sentido, lembrou que as propostas realizadas polo Grupo Popular reiteran as demandas para que se aproximen os informes da Conta Xeral da Comunidade galega, da Conta Xeral do Sergas e o Informe de actividade económica-financeira das entidades públicas ao exercicio en curso.

 


Así mesmo, solicítase que o Consello de Contas manteña con carácter periódico os informes sobre a Actividade económica-financeira das Entidades Públicas dependentes da Administración Xeral da Comunidade Autónoma, ao tempo que avance nos traballos para facilitar a rendición telemática da Conta Xeral da Administración Autonómica.

 


A estas recomendacións formuladas polo Grupo Popular, no trámite de comisión sumáronse outras pactadas cos grupos da oposición para que o Consello de Contas realice un informe de fiscalización das deputacións provinciais no que se avalíen os criterios de reparto dos recursos dos plans provinciais entre os diferentes concellos, así como a eficiencia do gasto e o seu peso relativo nos orzamentos en relación coas competencias a desenvolver.

 


Tamén se demanda que o  Consello de Contas fiscalice a adxudicación dos contratos de limpeza dos edificios administrativos da Xunta no ano 2017, e que execute un informe de fiscalización de actividades da comisión intermunicipal Razamonde-San Trocado que afectas aos concellos de Punxín, San Amaro e Cenlle.

 


INCENTIVO PERVERSO

 


Cuestionado sobre as posibles quitas de débeda ás comunidades autónomas, Pedro Puy reiterou que “as quitas non son boas para o conxunto do país porque introducen un incentivo perverso cara o futuro: non se pode tratar mellor a quen incumpre que ao que cumpre”.

 

“A Xunta está desde o primeiro momento defendendo algo máis que o que pide a oposición: hai que tratar mellor a Galicia porque cumpriu e non se pode premiar aos incumpridores”, subliñou.

 


Neste sentido, criticou que os grupos da oposición “nos digan unha cousa e a súa contraria”, porque “por unha banda están denunciando que se podería derivar un trato inxusto con Galicia porque se teña endebedado menos e hai pouco estaban denunciando que nos tiñamos endebedado moito”.

 


“Hai que pensar no conxunto do sistema, non introducir incentivos para que as comunidades xeren problemas que afectan a todos, como pode ser que algunha comunidade incumpra os acordos acadados entre todos no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira”, engadiu.

 


FLEXIBILIDADE NA XUSTIZA

 


Respecto da folga do persoal da Administración de Xustiza en Galicia, o portavoz popular afirmou que “antes ou despois ten que solucionarse, porque os cidadáns non poden soportar unha situación de conflito como a que estamos a vivir”.

 


Neste sentido, apuntou que “a flexibilidade ten que vir polas dúas partes, pero polo que se coñece entendo que a Xunta ten amosado máis flexibilidade que os representantes dos traballadores”.

Síguenos nas redes sociais