O Parlamento insta á xunta a iniciar os traballos para a elaboración dunha nova Lei de xogo de Galicia

14 Feb 2018

Santiago, 14 de febreiro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou  hoxe unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a iniciar os traballos para a elaboración dunha nova Lei de xogo que substitúa a normativa en vigor e actualice os seus preceptos recollendo as necesidades da sociedade dos nosos días, mantendo os imprescindibles controis que corresponden á Administración e na procura da consecución dunha conciencia xeral do que se entende como xogo responsable.

 

 


A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, manifestou que o sector do xogo “sufriu numerosos cambios nos últimos anos derivados da súa progresiva implantación e xeneralización en todos os ámbitos da sociedade, o que supón por parte da administración un maior control dos perigos e os riscos derivados dun abuso ou dun exercicio incontrolado do xogo”.

 


En concreto, Prado referiuse aos avances tecnolóxicos que xeraron novos produtos de xogo ou a proliferación nos últimos anos en Galicia de máquinas de apostas en locais de hostalería, as tendas de apostas e os salóns de xogo. Deste xeito, considerou que “a modificación da actual normativa de xogo pasa por actualizar e concretar o contido da vixente Lei de 1985 en aspectos en que a experiencia dos últimos anos amosou importantes carencias e dificultades na súa interpretación”.


 

PUBLICIDADE E SANCIÓNS

 


Paula Prado indicou que a nova normativa podería “abordar aspectos como a publicidade no eido competencial da Comunidade galega, a regulación e a contía das fianzas que deben prestar as empresas ou modificacións no réxime sancionador co obxecto de mellorar a protección dos e das menores e do colectivo de persoas ludópatas”.

 


“Pode ser unha oportunidade tamén para introducir maiores controis nos accesos aos locais de xogo; actualizar a normativa en relación coas esixencias da unidade de mercado; axustar os procedementos e a documentación necesaria ás novas tecnoloxías e a tramitación electrónica; e dotar de maior seguridade xurídica aos operadores de xogo, establecendo regras transparentes e de uniforme aplicación”, engadiu.

 


A viceportavoz popular avogou porque “na elaboración e tramitación deste texto normativo se procure o maior consenso posible entre todos os sectores afectados, tendo en conta a postura das empresas de xogo, xunto coas persoas consumidoras e usuarias e os colectivos de persoas afectadas por ludopatía”. “A prioridade será protexer os intereses de carácter público que conflúen nas actividades de xogo, en especial, a protección dos menores e outros grupos vulnerables, a prevención da adicción ao xogo e outros riscos relacionados”, dixo.

 

XOGO RESPONSABLE

 

Na súa intervención, Prado amosou unha “preocupación especial pola ludopatía”, avanzando que “pretendemos a regulación da publicidade en Galicia para protexer aos menores e sensibilizar á mocidade eliminando calquera posibilidade de uso de técnicas de incitación ao xogo en relación cos sectores da poboación máis vulnerables”.

 


“Desde a Xunta xa se teñen intensificado os controis, con absoluta rixidez na interpretación das normas con respecto ao acceso de menores a recintos de xogo e a práctica de apostas, tramitando cantos expedientes sancionadores sexan necesarios para concienciar ao sector e ao poboación en xeral da necesidade de practicar un xogo responsable”, subliñou.

Síguenos nas redes sociais