O Parlamento insta á Xunta a promover a instalación de cambiadores de bebé en localizacións unisex para o seu uso tanto por parte dos pais como das nais

14 Feb 2018

Santiago, 14 de febreiro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a promover a instalación nos edificios públicos da súa competencia de cambiadores de bebé en localizacións unisex, co fin de que podan utilizarse tanto por parte dos pais como das nais.

 

 


A deputada popular Encarna Amigo afirmou que “consideramos de vital importancia seguir traballando na sensibilización social, en relación coas innumerables vantaxes dunha organización social corresponsable”. Neste sentido, manifestou que “os homes entraron no ámbito da xestión doméstica e dos coidados dos menores”, destacando “o papel da paternidade responsable exemplificada no uso de medidas e permisos de conciliación por parte dos homes, que deben ser promovidos e fomentados”.

 


NOVOS MODELOS DE FAMILIA

 


“Os novos modelos de familia, os novos roles cada vez máis afastados de estereotipos de xénero, deben ser recollidos tamén na planificación das políticas de igualdade da Comunidade galega”, indicou Encarna Amigo.

 


Deste xeito, sinalou que esta proposición non de lei busca “mellorar os servizos como compromiso na consecución dunha corresponsabilidade plena”. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego “asumiu nos últimos anos un firme compromiso coa sociedade galega en favor da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes, compromiso que vén materializando no desenvolvemento de medidas e instrumentos xurídicos, políticos, económicos e sociais orientados á supresión de obstáculos que aínda persisten nos distintos ámbitos e que impiden que a igualdade entre sexos sexa real e efectiva”.

Síguenos nas redes sociais