Tellado cre que o BNG propón un cambio da Lei electoral que converta os seus cada vez menos votos en máis escanos

16 Feb 2018

Santiago, 16 de febreiro de 2018.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, apuntou esta mañá que o BNG propón un cambio da Lei electoral para converter os seus cada vez menos votos en máis escanos, despois de moito tempo celebrando os seus peores resultados en décadas.


Seguindo a axenda que lle marcaron Podemos e Ciudadanos, que conseguiron asociarse para pedir unha revisión do noso sistema á medida de si mesmos, a proposta dos nacionalistas tamén acabaría por beneficiar ao partido laranxa. “Como se pode ver, cando unha organización pon os seus intereses partidistas por diante da gobernabilidade das institucións, saen á luz curiosos aliados políticos. E así podemos observar como tanto Podemos, como BNG e Ciudadanos comparten moitos dos seus intereses e do seu tacticismo”, precisou. Do mesmo xeito, admitiu que é curioso que sexa Albert Rivera quen marque a axenda política de Ana Pontón.

 


Pola súa parte, asegurou que desde o PPdeG seguen crendo que a única reforma útil á nosa democracia sería aquela que se encamiñase a facer prevalecer o goberno da lista máis votada. “Sen tacticismo, e sen intereses partidistas, xa que que premiaría a moitos partidos de signo totalmente oposto tanto en Galicia coma en España”, asegurou.

 


Nese senso, remarcou que mentres os demais partidos propoñen sistemas para gañar eles mesmos, os populares prefiren un no que gañarían os veciños, tanto en estabilidade institucional, “posto que evitaríamos moitos dos esperpentos vistos nos últimos anos na vida municipal”, como en respecto á súa vontade expresada nas urnas.

 


Tellado tamén criticou a petición de Podemos e Ciudadanos para que as provincias e comunidades con menos poboación perdan representación nas Cortes Xerais, considerando inadmisible que haxa partidos que propoñan que a nosa Comunidade perda voz no conxunto do país por pura estratexia electoral. Así, manifestou que malia que non é unha sorpresa que as forzas que se din “nova política” entendan que as decisións que afectan a todo o país as haxa que tomar só desde Madrid e Barcelona, si o é que algunhas formacións que se queren dicir galegas ou nacionalistas lle fagan seguidismo desta proposta.

 


“Gustaríanos saber se o señor Villares, o señor Antón Sánchez ou a señora Yolanda Díaz van defender, ou votar a favor en Madrid, dunha proposta na que Galicia sairía claramente prexudicada. Se o van facer, que o digan; e se non a van apoiar, que se desmarquen e insten ao seu partido a que a retire”, subliñou.

 


“QUE FERREIRO DEA EXPLICACIÓNS OU QUE MARCHE”
Durante a súa intervención, o secretario xeral referiuse ás últimas novidades coñecidas acerca da compra dun piso e un local comercial para vivenda de uso social, que realizou o goberno da Marea Atlántica de Coruña a un fundador do seu partido e asesor de Ada Colau.

 


Ao respecto, afirmou que despois de coñecerse que o ático en cuestión vulneraba a normativa, non estaba inscrito como vivenda, e nin tiña a superficie esixida, “non hai máis opción ca pedirlle ao señor Xulio Ferreiro que depure as responsabilidades oportunas nun caso que está a acadar as dimensións de escándalo”. “Ferreiro non foi capaz de dar as explicacións que se lle pediron, posiblemente porque non as teña. Pero se non as ten, o que debe facer é asumilo e marcharse”, engadiu.

 


Para Tellado, a ensinanza que pretende darnos a Marea Atlántica, co seu líder á cabeza, é dicirnos que a nova política é mercar inmobles irregulares a amigos con diñeiro público, empregar máis cartos públicos en regularizalos; regar de contratos a dedo a empresas de fundadores do partido; e adxudicar edificios públicos, coma a antiga cárcere, a asociacións de afíns. “Todo isto co beneplácito dos socialistas, e os seus sucesivos cheques en branco ás Mareas mentres a Coruña se atopa paralizada, e co peor comportamento dunha cidade galega en materia de creación de emprego”, sinalou.

 


FACENDO GALICIA DESDE OS CONCELLOS
Miguel Tellado tamén lembrou que mañá celebrarán un acto municipal, baixo o nome “Facendo Galicia desde os Concellos”, no que contarán con máis de 1.000 alcaldes e concelleiros de toda a Comunidade. “Como xa lles explicamos no seu momento, a filosofía deste acto é a de combinar as axendas do partido en materia de formación e de preparación das vindeiras municipais”, dixo.

 


No evento participarán alcaldes, voceiros de oposición, representantes das catro provincias e de concellos de todo tamaño, que contarán a súa experiencia e darán claves de como xestionar un concello e de como recuperar ou consolidar a confianza dos veciños. “Este será unha xornada moi especial, á que seguro que lle sacaremos moito proveito e da que xurdirán ideas que nos fortalecerán de cara aos vindeiros meses”, aseverou.

Síguenos nas redes sociais