O PPdeG explorará a súa canteira en busca de novos talentos no seu II Torneo de Debate

09 Mar 2018

Santiago, 9 de marzo de 2018.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, avanzou que o PPdeG explorará a súa canteira en busca de novos talentos no seu II Torneo de Debate, un evento no que se darán cita un cento de participantes e que clausurará o domingo a vicesecretaria de Estudos e Programas, Andrea Levy.

 

O número dous dos populares galegos lembrou que desde o seu partido están a levar a cabo unha intensa axenda de formación para os seus cargos e afiliados na que tamén se enmarcou a xornada “Facendo Galicia desde os Concellos” e na que se atopa esta segunda edición do Torneo de Debate do PPdeG.

 

“Tralo éxito da primeira edición, desde a nosa organización estivemos decididos desde o primeiro momento a repetir a experiencia e, lonxe de rebaixarse a interese, vimos como este ano se incrementou”, apuntou Tellado, que engadiu que nesta ocasión creceu o número de equipos, o número de participantes, e o número de xuíces interesados en ser parte desta experiencia, “polo que tamén nos vimos obrigados a desenvolvelo en dúas xornadas distintas”.

 

 “Desde o Partido Popular de Galicia debemos estar moi orgullosos de levar a cabo experiencias como estas”, manifestou, apuntando que están orgullosos de ter a afiliados e simpatizantes, pero tamén a deputados e concelleiros  dispostos a empregar un fin de semana en mellorar as súas capacidades oratorias; de ter un partido que se reúne entorno a unha actividade lúdica para fomentar o debate rigoroso e documentado “fronte a outros que só se reúnen para conspirar uns contra outros, facerse desplantes ou acabar a patadas”; e de ser inconformistas. Nese senso, subliñou que dedican moitas horas a pensar no que deben mellorar e en buscar novas formas para facelo “mentres outros celebran que cada vez teñen peores resultados e cren que os que están equivocados son os demais por non votarlles”.

 

O secretario xeral tamén recoñeceu que se trata dunha actividade moi interesante no aspecto formativo, dado que se exercitan capacidades comunicativas moi necesarias no día a día e no aspecto do descubrimento do talento, “xa que poderemos ver a simpatizantes, afiliados ou cargos locais que non soen estar na primeira liña pública”. Igualmente, sinalou que, logo da primeira edición, e ante a boa acollida da segunda, semella que vai camiño de consolidarse para vindeiros anos.

 

“Debemos celebrar non só que en Galicia teñamos capital humano para poñer en marcha iniciativas deste estilo, senón que tamén susciten interese no partido a nivel nacional”, precisou mentres destacaba que “hoxe podemos destacar que somos un partido que non para, e que está activado para moito máis ca os procesos electorais; que sempre está pensando en aprender e en crecer, e en xeitos para facelo; e que non ten medo a buscar e facer emerxer o talento que temos agochado por todos os recunchos de Galicia”.

 

SUBA SALARIAL AOS FUNCIONARIOS

Por outra banda, Tellado fixo referencia ao acordo para a subida salarial dos funcionarios, para o que o Goberno galego xa ten consignada nos Orzamentos de 2018 unha cantidade á espera de que o Goberno os habilite para poder realizar esta suba retributiva, e lembrou tamén as negociacións entre o Ministerio de Facenda e os sindicatos a nivel estatal para pechar un acordo a tres anos (de 2018 a 2020), e que suporía unha suba salarial de preto do 9% ata 2020.

 

“Esta suba salarial aplicarase aos 87.000 traballadores da Xunta, da sanidade pública e do ensino público, e tamén nas universidades e no ensino concertado”, dixo Tellado, que recordaba que neste momento ningunha administración pública pode subir os salarios dos seus empregados públicos, xa que os Orzamentos do Estado están prorrogados e non hai habilitación legal.

 

Neste sentido, admitiu que xa hai un motivo máis para que os partidos da oposición, tamén os galegos, apoien os Orzamentos Xerais do Estado e demostren que están realmente preocupados polas cuestións que lle preocupan aos cidadáns, “e non simplemente en sacar rédito político ou de buscar un titular chamativo ao día seguinte”.

 

Cómpre indicar que se pediu un grande esforzo aos funcionarios para colaborar a sacar a Galicia da crise, por iso houbo que modificar as súas condicións laborais hai uns anos para que os que tiñan emprego e soldo garantido axudasen a chegar a fin de mes aos que máis padeceron os efectos da recesión.

O Goberno galego asegurou que cando as circunstancias llo permitisen devolverían ese esforzo, e non só se devolveu coa recuperación das pagas extras que se adebedaban senón que agora váiselles agradecer cunha suba salarial da que tamén se vai beneficiar o conxunto da economía galega, xa que eses incrementos retributivos mellorarán o consumo e incidirán tamén de forma positiva na recadación fiscal.

Síguenos nas redes sociais