Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado: “Iglesias debería saber que a oferta da Xunta coloca aos empregados de Xustiza por riba da media estatal”

11 Abr 2018

Santiago, 11 de abril de 2018.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, lamentou o “profundo descoñecemento” que demostrou hoxe Pablo Iglesias trala reunión mantida cos representantes sindicais que lideran a folga da xustiza. Neste sentido, lembrou que a última oferta económica presentada pola Xunta de Galicia colocaría aos traballadores por riba da media que perciben os seus compañeiros do resto de España, e contén unha cláusula que blinda que sexa así nun futuro.

 

Do mesmo xeito, o número dous dos populares galegos instou ao líder de Podemos a que “se preocupe máis dos traballadores das Comunidades nas que apoian aos gobernos socialistas”. Sobre isto, lembrou que Aragón está “no vagón de cola” das autonomías coas competencias transferidas; e que a “xenerosa subida” proposta polo Executivo galego tamén os colocaría por riba dos valencianos.

 

“Esta reunión demostra que esta folga hai moito tempo que deixou de ser unha reivindicación laboral, para converterse nun conflito puramente político”, subliñou. Así, Tellado pediulle ao resto de sindicatos e aos traballadores que “deixen de apoiar a un colectivo que en vez de defender os seus intereses se dedica a utilizalos para facer unha campaña absolutamente partidista”.

 

POSICIONAMENTO SOBRE QUINTEIRO

O secretario xeral dos populares tamén lembrou que Pablo Iglesias aínda non se posicionou sobre o “caso Quinteiro”, o episodio de violencia na rúa no que se viu envolta unha deputada da formación morada hai xa unhas semanas. “Se quere falar de Galicia, o que pode facer é dicirlle aos seus votantes se está de acordo con que un cargo do seu partido intente defender aos que van rompendo retrovisores pola rúa, e intimidar a axentes da Policía facendo uso da súa condición parlamentaria”, sentenciou.

 

Síguenos nas redes sociais