O Grupo Popular se "avergoña" da actitude do deputado do BNG Luis Bará na tribuna do Parlamento no pasado pleno

16 Abr 2018

Santiago, 13 de abril de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, cualificou hoxe de “inapropiada” a conduta do deputado do BNG Luis Bará na tribuna do Parlamento no pasado Pleno, cando rachou dúas fotografías do Xefe do Estado, e asegurou que o Grupo Popular “se avergoña deste feito pola ofensa que se lle fai a quen simboliza a democracia, as liberdades e o autogoberno de Galicia”.

 


 

Ao remate da reunión da Xunta de Portavoces, na que se acordou que este deputado do BNG sexa advertido de que este tipo de comportamentos non son admisibles na Cámara e son contrarios ao regulamento, Puy explicou que a Presidencia e a Mesa do Parlamento “se comprometen a velar porque nos debates se cumpra o regulamento e, particularmente, se respecte tanto desde o punto de vista da comunicación verbal como do comportamento dos deputados desde a tribuna do Parlamento”.

 


Deste xeito, apuntou que a Xunta de Portavoces considerou que a actitude do deputado do BNG supón un “Incumprimento claro do Regulamento, polo que se acordou dirixirse aos deputados e particularmente a quen o infrinxiu para advertirlle que estas cuestións non se poden permitir”.

 


DEBERÍA SABER RESPECTAR CULTURA PARLAMENTARIA

 


Pedro Puy resaltou que para o Grupo Popular “esta conducta é certamente inapropiada”, porque “estamos a falar de que un deputado do BNG incumpriu as súas obrigas de comportamento neste Parlamento”. Neste sentido, lembrou que este deputado foi director xeral de Difusión e Creación Cultural co Goberno bipartito, polo que “debería saber respectar a cultura e a educación parlamentaria”.

 


“Entendemos que estes feitos non é posible que se reproduza neste sentido, nin en calquera outro sentido que afecte ou vulnere a honra ou ofenda os sentimentos ou valores das persoas que representamos”, indicou.

 


DIMISIÓN DEPUTADO EN MAREA

 


Cuestionado pola dimisión do deputado de En Marea Juan José Merlo, Puy desexoulle “sorte no seu futuro persoal e político” e apuntou que foi “un deputado extremadamente respectuoso coas formas parlamentarias e que defendeu as súas ideas dun xeito educado e adecuado ás formas parlamentarias”.

Síguenos nas redes sociais