Millán Mon: “O Orzamento da UE non é un texto pechado e traballarei para que os fondos asignados para Galicia medren”

11 Mai 2018

11, maio, 2018. O eurodeputado galego, Francisco Millán Mon, valorou hoxe o novo marco financeiro presentado pola Comisión Europea e cualificou o texto de “preliminar”, lembrando a capacidade do Parlamento para emendar esa proposta. “E traballarei para facelo”, apuntou o parlamentario galego.

 

“Europa terá que afrontar novos retos con menos contribuíntes por mor da inminente saída do Reino Unido da Unión Europea”, dixo, engadindo que Europa terá que gastar máis en política de Defensa e control migratorio, ao tempo que duplica os cartos destinados a becas Erasmus. “Novas necesidades de gasto pero menos recursos: 12.000 millóns menos como consecuencia do Brexit”, apuntou.

 

Ese reaxuste orzamentario podería prexudicar a Galicia a través das partidas destinadas a Desenvolvemento rural ou mesmo as axudas á Política agraria. Sen embargo, o eurodeputado avanzou o seu traballo e o do seu Grupo para evitar que así fose. “Estaremos pendentes á letra pequena e veremos si Europa aposta polo cofinanciamento cos Estados” no que refire a ese impulso das contornas menos urbanas.

 

Francisco Millán Mon cualificou de “timorata” a proposta de Comisión en materia de Demografía, e botou en falta máis coraxe á hora de defender a loita contra o declive demográfico que afecta a Galicia e a outros territorios da Unión. “Vexamos cál é a proposta final”, sinalou.

 

O parlamentario, que valorou algúns dos temas que marcaron a Lexislatura comunitaria ata o día de hoxe, lembrou que é Europa a que máis competencias ten en materia pesqueira, e que polo tanto é lonxe de Galicia onde se decide o seu futuro nese ámbito. Por iso mostrouse satisfeito por ter participado activamente no desenvolvemento de acordos con terceiros países nesta materia, ademais de por ter traballado noutros de futuro desenvolvemento. Francisco Millán Mon citou os de Guinea Bissau e Marrocos, ao tempo que mostrou a súa satisfacción polo traballo feito con Mauritania.

 

Tamén valorou posibles tratados comerciais con Australia, Xapón e Tailandia, que poderían abrir mercados para os produtos galegos e, por tanto, incidir tanto no PIB como no emprego na Comunidade.

Síguenos nas redes sociais