O Parlamento insta á Xunta a impulsar medidas que recoñezan ás empresas que colaboran no desenvolvemento da formación profesional

23 Mai 2018
Santiago, 23 de maio de 2018. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se insta á Xunta a impulsar medidas e accións de recoñecemento para aquelas empresas que colaboran e participan no desenvolvemento da formación profesional, pola súa contribución a unha mellor formación do alumnado galego.
 
 
“Entendemos que a consolidación do éxito que está a acadar a FP en Galicia pasa, en grande medida, por unha cada vez maior implicación das empresas na oferta formativa galega”, sinalou o portavoz de Educación, César Fernández Gil.
 
 

 

Na súa intervención, o portavoz popular avogou por “traballar con decisión para seguir estreitando vínculos entre o sistema educativo e o sector empresarial, co obxectivo de fomentar o emprendemento, que constitúe unha fonte de riqueza na súa contorna ao actuar como motor da innovación, da competitividade e do crecemento da economía”.
 
 

 

“A formación profesional é nestes momentos unha das mellores ferramentas para avanzar cos cambios e adaptarse a eles, xa que permite á mocidade desenvolver unha actividade laboral, proporcionando as competencias profesionais necesarias e facilitando, ademais, a adaptación ás modificacións tecnolóxicas e organizativas que caracterizan o mercado de traballo”, sinalou.
 
 

 

FORTE APOSTA
 
 

 

Neste sentido, César Fernández destacou “a forte aposta que está a facer o Goberno galego por reforzar a cultura emprendedora no ensino, promovendo a innovación e a creatividade do alumnado e favorecendo tamén o contacto directo do alumnado co tecido produtivo e o entorno que os rodea”. “Hoxe, despois do labor desenvolvido nos últimos anos, a FP galega é calidade, dinamismo, innovación, empregabilidade e unha posibilidade para continuar formándose ao longo da vida, para a recualificación profesional”, sinalou.
 
 

 

Na actualidade, o número de alumnos na FP galega supera os 51.000 e “consideramos que se debe seguir traballando para reforzar a formación profesional co obxectivo de que cada vez sexa máis útil para as persoas e para a sociedade galega”, dixo. “O Goberno galego ten apostado de xeito decidido pola FP Dual, na que participan máis de 100 empresas, porque se trata dunha modalidade de formación que alterna a aprendizaxe no centro educativo e na empresa, porque fomenta a inserción laboral dos mozos, e porque responde ás necesidades dos sectores produtivos”, engadiu.
 
 


O portavoz popular manifestou que “a FP é unha aposta de futuro porque as ensinanzas están cada vez máis axustadas ás necesidades dos tecidos produtivos de Galicia, o que facilita que a maioría dos alumnos atopen emprego no intervalo de tempo comprendido entre o remate da formación en centros de traballo e os seis meses posteriores”. Neste sentido, salientou que o nivel de inserción laboral do alumnado que cursa ciclos de formación profesional supera xa o 80 por cento.

Síguenos nas redes sociais