O Grupo Popular demanda que a Xunta estude a posible creación dun parque de bombeiros de xestión pública directa no Val Miñor

19 Xun 2018

Santiago, 19 de xuño de 2018.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos demandou hoxe no Parlamento galego que a Xunta estude, no seo do grupo de traballo polas emerxencias de Galicia e conxuntamente coas administracións representadas nel, a posible creación dun parque de bombeiros de xestión pública directa con base nalgún dos concellos do Val Miñor, no que se integre o actual persoal do grupo de emerxencias supramunicipal existente nesta mancomunidade.

Alberto Pazos amosou o respecto pola proposición non de lei de iniciativa popular debatida hoxe no Parlamento sobre a creación dun parque de bombeiros no Val Miñor, pero sinalou que “esta xusta reivindicación estana facendo na instancia equivocada”.

 

DESCOÑECEMENTO DA LEXISLACIÓN

En concreto, lembrou que a Lei 5/2007 de Emerxencias de Galicia, aprobada por socialistas e nacionalistas na etapa do Goberno bipartito, establece que corresponde ás deputacións provinciais garantir a prestación do servizo de protección civil e xestión de emerxencias, incluídos os servizos contra incendios e de salvamento, naqueles municipios que non conten con servizos propios.

 

“Resulta lamentable que os grupos da oposición descoñezan as competencias de cada administración recollida na Lei de bases de réxime local, a través da que se establece a competencia en materia de prevención e extinción de incendios para os concellos con poboación superior a 20.000 habitantes, un servizo que prestará a deputación provincial no caso dos municipios con menos habitantes”, apuntou.

 

COLABORACIÓN COS GES

Así mesmo, Alberto Pazos salientou que a Xunta está a destinar máis de 167.000 euros cada ano para o GES do Val Miñor, “unha cifra considerablemente superior, a pesar de non ter competencias neste organismo, aos 50.000 que destina a Deputación de Pontevedra ou os máis de 50.000 que tamén destina a Mancomunidade”.

 

Alberto Pazos indicou que a Xunta ten asinado convenios de colaboración en materia de comarcalización dos parques de bombeiros municipais coas deputacións de A Coruña, Lugo e Ourense, así como cos concellos de Santiago, Ferrol, Ourense e Lugo. “Sorprendentemente, a única deputación que se negou a colaborar foi a de Pontevedra, do mesmo xeito que tampouco o fai o Concello de Vigo que, pola súa proximidade, podería mellorar sensiblemente a atención das emerxencias no Val Miñor”.

Síguenos nas redes sociais