O Grupo Popular demanda ao Goberno central a urxente aprobación definitiva e licitación inmediata do dragado da ría do Burgo

19 Xun 2018

Santiago, 19 de xuño de 2018.- O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, demandou hoxe no Pleno do Parlamento galego ao Goberno central a urxente aprobación definitiva do dragado da ría do Burgo e a licitación inmediata do mesmo.

Na súa intervención, Trenor salientou que a Xunta leva investidos desde o ano 2009 máis de 1.100 millóns de euros en obras de saneamento e abastecemento. En concreto, leváronse a cabo máis de 350 actuacións de saneamento en 165 concellos e máis de 300 actuacións de abastecemento en 186 concellos.

 

CONFUSIÓN SOCIALISTA

Gonzalo Trenor criticou que os socialistas “estean a confundir coas competencias en materia de saneamento que ten a Xunta de Galicia e o Goberno central”. Así, no caso da ría do Burgo, lembrou que as competencias son do Goberno central e por este motivo demandou que “o novo Goberno socialista manteña o compromiso amosado polo Goberno de Mariano Rajoy co dragado desta ría e leve a cabo a aprobación definitiva do dragado e a licitación inmediata do mesmo”.

 

Na súa intervención, o portavoz popular salientou que a Xunta investiu máis de 100 millóns de euros nos últimos 15 anos en infraestruturas de depuración, das que na actualidade están en execución as dúas últimas: o tanque de tormentas de Santa Cruz e os bombeos do Temple e da Pasaxe.

 

“A Xunta está a colaborar en todo momento co Goberno central e con plena disposición para realizar todas as actuacións de saneamento e depuración que sexan necesarias”, sinalou Gonzalo Trenor. Deste xeito, incidiu na necesidade de que o Goberno galego continúe colaborando co novo Ministerio de Transición Ecolóxica facilitando toda a información que precise ante os procedementos abertos pola Unión Europea en materia de tratamento de augas residuais, nos que o Estado é o único encargado da defensa.

Síguenos nas redes sociais