O Parlamento galego demanda que a Administración do Estado realice as accións legais para reintegrar o Pazo de Meirás ao dominio público

11 Xul 2018

Santiago, 11 de xullo de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei, logo dunha transacción entre a presentada polo Grupo Popular con En Marea, PSdeG e BNG, a través da que se demanda á Administración Xeral do Estado que realice as accións legais á que fai referencia o informe do Comité de Expertos co obxecto de reintegrar o Pazo de Meirás ao ámbito de bens de dominio público. Así mesmo, a proposta declara a vontade do Parlamento galego de que a recuperación do Pazo de Meirás para o patrimonio público non implique un novo custo para o pobo de Galicia.

En primeiro lugar, demanda á Xunta de Galicia a que remita urxentemente á Administración Xeral do Estado o informe da Comisión de Expertos nomeada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en cumprimento da resolución do Parlamento de Galicia sobre as posibilidades de incorporar ao Patrimonio Público a propiedade das ‘Torres de Meirás’, con todos os seus anexos documentais.

 

COADXUVANTE ADHESIVA

Con este documento, pídese que a Administración Xeral do Estado realice as accións legais a que se refire este informe, co obxecto de reintegrar as ‘Torres ou Pazo de Meirás’ ao ámbito dos bens de dominio público da Administración estatal.

 

Así mesmo, a proposición non de lei solicita que a Xunta se incorpore, en canto sexa exercitada esa acción legal, ao proceso civil como coadxuvante adhesiva.

 

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou o acordo acadado entre os grupos parlamentarios para sacar adiante unha iniciativa conxunta respecto da recuperación do Pazo de Meirás para o dominio público porque con isto “contribuímos a recoller os escombros do peor episodio da historia contemporánea de España”.

 

EXERCICIO DEMOCRÁTICO

“É unha gran oportunidade de facer un exercicio democrático e con isto contribuímos a demostrar, unha vez máis, a superioridade moral do sistema democrático sobre calquera outra forma de goberno, moi particularmente sobre aquelas formas de goberno baseadas na negación dos dereitos e liberdades públicas, da pluralidade e do debate público e libre das ideas”, sinalou Puy.

 

Ademais, salientou que o PPdeG “foi coherente ao longo de todo este proceso” e lembrou o apoio do Partido Popular tanto ao informe elaborado pola Deputación de A Coruña respecto do Pazo de Meirás como na iniciativa aprobada no Concello de Santiago para a devolución das figuras de Abraham e Isaac. Así, sinalou que “esta unanimidade beneficia a quen defende a reincorporación do Pazo de Meirás ao dominio público e prexudica a quen está polo mantemento do legado do ditador”.

 

A proposición non de lei incorpora, por último, un recoñecemento ao “importante traballo realizado desde hai anos por historiadores e historiadoras, asociacións da memoria histórica, á Xunta pro devolución do Pazo de Meirás, e institucións coma a Deputación da Coruña e o Concello de Sada”.

Síguenos nas redes sociais