Tellado: “Oxalá Gonzalo Caballero fose tan leal con Galicia como o é Javier Fernández con Asturias”

08 Ago 2018

8, agosto, 2018.O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, asegurou esta mañá que sería bo que a nosa Comunidade contara coa mesma lealdade por parte do PSdeG coa que si conta Asturias, cuxo presidente autonómico antepón os intereses do seu Principado ás prioridades da súa formación política. “Oxalá Gonzalo Caballero fose tan leal con Galicia como o é Javier Fernández con Asturias”, subliñou.

 

Deste xeito, Tellado aplaudiu que sexa tamén unha autonomía gobernada polo PSOE a que alce a voz sobre a inxusta decisión de Pedro Sánchez de financiarse a si mesmo co diñeiro das autonomías –no caso da nosa Comunidade supón un recorte de case 200 millóns de euros-, e lamentou que non suceda o mesmo cos socialistas galegos. Ao mesmo tempo, tamén se preguntou se todos aqueles que acusaron ao PP de mentir sobre este tema, acusarán agora ao presidente de Asturias.

 

Segundo indicou, “a saída en tromba de Gonzalo e Abel Caballero, así como de Javier Losada, din moito da súa suposta lealdade ao presidente do Goberno pero moi pouco da súa lealdade a esta autonomía”. “Non só non intercederon ante o Goberno de España para corrixir este gravísimo erro e non só non apostaron por polo menos calar ante o ataque perpetrado por Moncloa, senón que saíron en defensa deste recortazo con vehemencia e determinación como se se tratase dunha especie de concurso para determinar cal do tres era máis pelota co presidente do Goberno”, aseverou.

 

Malia todo isto, o secretario xeral apuntou que o razoable sería que non continúen coa súa fuxida cara adiante e rectifiquen as súas palabras xa que teñen ante si a oportunidade de facer un bo servizo ao seu país e de ser leais coa Comunidade Autónoma na que están a exercer a política, engadindo que resulta incompatible “facer a rosca Pedro Sánchez e ser lexítimos representantes dos galegos”.

 

Así mesmo, como manifestou Tellado, “Abel Caballero está a tratar de emendar o seu erro de non apoiar a Pedro Sánchez nas primarias, Losada parece estar a competir por ser delegado do PSOE en Galicia, cargo que ostenta Gonzalo Caballero; e este último parece defender que presidir a Xunta debe implicar dar a chave das nosas arcas ao presidente do Goberno para que gaste os recursos dos galegos”.

 

Nese senso, o secretario xeral dixo que, tal vez, a falta de preocupación do secretario xeral do PSdeG polos galegos débese a que ten a cabeza máis ocupada en que Javier Losada non lle quite o posto, temendo que ocorra o mesmo que en Cantabria ou en Murcia, dúas autonomías onde Sánchez nomeou delegados aos que van ser candidatos nas próximas eleccións autonómicas.

 

Para concluír, Tellado insistiu en pedirlle aos socialistas galegos que rectifiquen e, de paso, axuden á nosa Comunidade a recuperar os 200 millóns que a Moncloa lle está furtando aos galegos.

Síguenos nas redes sociais