O Parlamento galego solicita ao Goberno central un plan de transición enerxética máis racional e sustentable que manteña as centrais de As Pontes e Meirama

12 Set 2018
Santiago, 12 de setembro de 2018. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao  Goberno central que constitúa de inmediato o grupo de traballo, no que se integren as comunidades autónomas, para analizar o modelo de transición enerxética máis racional e sustentable, no que teñan cabida as centrais térmicas máis eficientes, como a de Meirama e As Pontes. O deputado popular Diego Calvo defendeu a apertura dun proceso de reflexión profunda, diálogo e consenso ante o anuncio da Ministra de Transición Ecolóxica do peche “exprés” das centrais térmicas cun primeiro prazo situado no ano 2020.
 
 

 

Diego Calvo salientou a preocupación que xeraron as declaracións da ministra entre os traballadores das centrais de As Pontes e Meirama, e fixo fincapé en que desde o PPdeG “non podemos agardar aos bandazos da ministra que quere acabar co diésel para saber que fará co carbón e, polo tanto, co sustento de tantas familias galegas”. 
 
 

 

Así mesmo, alertou de que o peche das centrais de As Pontes e Meirama suporía para as súas comarcas unha perda de 110 millóns de euros ao ano, ademais de afectar, de xeito directo ou indirecto, a 1.600 postos de traballo. “Por se isto non fora suficiente, este peche traería consigo, nun prazo de tempo bastante curto, que teñamos que asumir un custo inxustificado no prezo da enerxía”, que en momentos de alta demanda podería rondar un aumento dun 15 por cento sobre as tarifas actuais.
 
 

 

MIX ENERXÉTICO COHERENTE
 
 

 

Ante a gravidade da situación, Diego Calvo defendeu unha transición enerxética axeitada, a través dun mix enerxético coherente, económico e equilibrado entre as diferentes formas de produción. Deste xeito, apelou á responsabilidade do Goberno do PSOE e mesmo dos deputados do PSdeG, pois unha posición pasiva ante o peche das centrais térmicas non se entendería e xeraría un impacto irreversible sobre “a nosa economía, a nosa competitividade e as nosas familias”.
 
 

 

O deputado popular ironizou sobre os bandazos do Goberno de Pedro Sánchez nos últimos meses en diferentes cuestións e pediu “rigor, prudencia e afastarse das improvisacións. “A Xunta de Galicia é a primeira en apostar por unha transición enerxética na que primen as enerxías renovables, pero temos que facelo de xeito ordenado, sen pasos en falso e cun período de transición no que prime o sentido común”, asegurou Calvo, que lembrou os investimentos que está a levar a cabo Naturgy en As Pontes para equilibrar a súa produción mixta de carbón e gas. “Van tratar esta central como outra que só produce carbón, que non adaptou as súas instalacións e que mantén emisións contaminantes como as de hai 50 anos?”, preguntou.
 

 

 

MODELO RACIONAL E SUSTENTABLE
 
 

 

Por todo isto, o Parlamento aprobou solicitar a constitución de inmediato do grupo de traballo anunciado pola Ministra de Industria e Turismo no que se integren ás Comunidades Autónomas para analizar o modelo de transición enerxética máis racional e sustentable ambiental e economicamente, no que teñan cabida as centrais térmicas máis eficientes, entre elas as de Meirama e As Pontes.
 
 


Ademais, reclama que se instauren canto antes os mecanismos de capacidade suprimidos (pagos por dispoñibilidade) de acordo cos criterios establecidos pola U.E. para as centrais térmicas de carbón máis viables económica e ambientalmente. E, finalmente, que se faga efectivo o mecanismo de apoio, por un importe de 20 millóns de euros, para a redución das emisións ambientais nas centrais térmicas de carbón, con sometemento aos requisitos e límites previstos na normativa de axudas de estado da Unión Europea contemplado na Lei 6/2018, do 13 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018 na súa disposición adicional centésimo oitava. 

Síguenos nas redes sociais