O Parlamento aproba a proposta do Grupo Popular esixindo ao Goberno central igualdade de trato aos portos galegos en relación ao de Valencia

12 Set 2018
Santiago, 12 de setembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co único voto favorable do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se esixe ao Goberno central igualdade de trato e consideración para as diferentes autoridades portuarias galegas en relación á de Valencia, nos termos relativos ao financiamento e asunción de débedas contraídas pola acometida de infraestruturas necesarias para a súa operatividade e competitividade.
 
 

 

A deputada popular Teresa Egerique lembrou o anuncio feito polo Goberno socialista de Pedro Sánchez de asumir a débeda financeira xerada pola Copa América e a Fórmula 1 no porto de Valencia e demandou “un trato igualitario cos portos galegos de interese xeral”. “A petición é xusta e está en sintonía co que todos agardamos dun goberno sensato, que é un trato equitativo e igualitario entre comunidades autónomas”, apuntou.
 
 

 

DEFENSA DOS INTERESES DE GALICIA
 
 

 

“Diante dunha decisión desa gravidade, desde o PPdeG reaccionamos defendendo os intereses de Galicia”, manifestou a deputada popular, quen lembrou que infraestruturas como Punta Langosteira e Caneliñas, a rampa-silo para automóbiles de Vigo, o acceso ferroviario ao porto de Vilagarcía ou as melloras de operatividade para contedores en Marín “foron asumidas de forma xeral polas autoridades portuarias e con cargo fundamental aos seus propios recursos económicos e que só se pode manter grazas á mellora da xestión portuaria e á consecución dun maior movemento de mercadorías e prestación de servizos”.
 
 


A proposición non de lei aprobada hoxe no Pleno incorpora, ademais, a solicitude dunha compensación económica semellante ás decisións adoptadas para o caso do Porto de Valencia, que libere ás autoridades portuarias galegas das cargas económicas xeradas para acometer investimentos e infraestruturas que melloren a competitividade e a situación económico- laboral das comarcas nas que se atopan, así como a celebración de consellos de administración extraordinarios para dirixirse a Puertos del Estado co obxectivo de dar vía libre para a liberación das débedas ou compensación en investimentos.

Síguenos nas redes sociais