Feijóo di que Agustín Hernández será o alcalde que poña fin a un Goberno local aletargado e centrado na Marea

22 Set 2018

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, salientou esta mañá que Agustín Hernández é o alcalde que necesita Santiago de Compostela, “unha cidade cun concello aletargado” que abandonou por completo o máis valioso do seu patrimonio: os seus veciños. E é que tal e como advertiu “ninguén pode mencionar tres logros do concello nos últimos tres anos” nin tampouco se pode explicar que “sexa máis rápido arranxar a fachada do Obradoiro que tapar unha fochanca”.

Neste senso, o líder dos populares galegos destacou que, nun momento onde parece que a política consiste só en ambición por chegar, Agustín Hernández, despois de selo case todo, non ten como resposta ‘eu’, senón Santiago de Compostela. “Se hai uns anos –engadiu- veu como alcalde a Santiago foi pensando en Santiago e se agora volve estar aquí, a disposición dos veciños, é só pensando en Santiago de Compostela”. Feijóo aproveitou para salientar o traballo do candidato e a súa valía en todas as responsabilidades que desempeñou, ben como conselleiro, como alcalde e agora como líder da oposición, e dixo del que é “traballo, constancia, dedicación e esforzo, compromiso”.

 

Nesta mesma liña, recordou que Agustín Hernández se fixo cargo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en tempos de vacas fracas: “Foi o mellor conselleiro posible para a Consellería dos investimentos cando non había cartos para investir”, grazas, segundo o presidente do PPdeG, a unha fórmula infalible: traballo, traballo e traballo.

 

Feijóo dixo que o Partido Popular ten unha débeda con Santiago de Compostela, polos erros cometidos que facilitaron que, en lugar do traballo, agora goberne a desidia. Indicou que o que  toca é continuar co traballo de reparación que iniciou Agustín Hernández hai uns anos como rexedor. Neste senso, manifestou que o xeito de facelo “non é coa arrogancia do actual goberno municipal, é con humildade; non é quedando atrapados no pasado, senón actuando polo mellor futuro; non é con desinterese, senón con dedicación, esforzo e traballo”. “É –subliñou- con Agustín Hernández”. 

 

UN PAZO DE RAXOI PARALIZADO E CENTRADO NA MAREA

Feijóo amosou a súa preocupación por “un pazo de Raxoi paralizado” e pola “desidia, a desgana, a falta de ideas e a falta de rumbo” do Executivo municipal. “Pero, sobre todo, preocupa que quen máis debería valorar a importancia de Santiago de Compostela pense que é algo secundario”. Lamentou que, en lugar de estar centrado nos cidadáns, o concello estea centrado unicamente na Marea: “Todas as ideas non son para a cidade, son para a Marea; todas as horas non son para os veciños, son para conspirar contra Luís Villares; e todos os proxectos non son para impulsar Santiago, son para reforzar o populismo en Galicia”. Por iso, indicou que Santiago merece un alcalde que lle dea á cidade o valor que ten e que, como Agustín Hernández, antepóñaa a calquera outra responsabilidade, mesmo ao seu propio partido e á súa ideoloxía. “Quen non entenda que Santiago de Compostela está por riba de calquera cousa, non é digno de representala”, salientou.

 

Así, o presidente do PPdeG apuntou a necesidade dun Goberno local que se preocupe menos polas anécdotas e máis polos feitos; que pense menos nos titulares do día seguinte e máis no legado que deixa á vindeira xeración; e que e centre menos en facer oposición e máis en exercer como Goberno en Santiago. E é que tal e como indicou, a influencia de Santiago esténdese por todo o mundo, xa que non é só a capital de Galicia nin o noso emblema turístico nin a porta de entrada a moitas persoas á nosa terra: “Santiago é o mellor escaparate de Galicia ante o mundo”. “A xente –continuou Feijóo- imaxina o resto de Galicia tal e como ve Santiago e por iso non podemos permitir que en Santiago e en Galicia haxa parálise, desidia e desinterese”.

 

Fronte a un concello centrado nas leas internas da Marea, a Xunta, que si sabe da importancia desta cidade, non desatendeu o seu compromiso coa capital de Galicia. Un compromiso que se traduciu en “avances concretos e palpables”, como as obras da intermodal en plena execución, o enlace da Cidade da Cultura coa AP-9, que estará operativo en cuestión de meses; ou a Variante de Aradas, que estará lista na primeira metade do ano que vén. “O noso compromiso –engadiu Feijóo- empezou moito antes de 2015 e rematará moito despois do Ano Santo de 2021”, de aí que o Goberno galego seguirá traballando para que Santiago teña unha depuradora de primeiro nivel, para mellorar as entradas do Camiño no  municipio, para que a cidade administrativa de San Caetano poida poñerse en marcha tan pronto como  estea a intermodal, para que conte coa gardería de Santa Susana e a nova residencia de maiores, así como tamén na ampliación do Hospital Clínico ou na nova Facultade de Medicina.

 

Feijóo fixo fincapé no maior dos desafíos que afronta Santiago nos próximos anos: a organización do mellor Xacobeo de toda a nosa Historia, “unha oportunidade única de demostrarlle ao mundo todo o que Galicia é capaz” e para que “os galegos do futuro poidan sentirse orgullosos”. Pero para iso, tal e como indicou Feijóo, necesítase a certeza de que o concello tamén estará á altura: “E esa certeza é Agustín Hernández”, o único capaz de dar as solucións e as respostas que os composteláns esperan.

Síguenos nas redes sociais