Paula Prado afirma que a dilixencia da Xunta para pechar o procedemento da planta de residuos de Teo deixa de novo en evidencia ao alcalde

21 Set 2018
Santiago, 20 de setembro de 2018.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, amosou esta tarde a súa satisfacción pola decisión da Consellería de Medio Ambiente de pechar o procedemento de autorización ambiental integrado do proxecto dunha planta de residuos non perigosos na antiga canteira de Casalonga no concello de Teo. “De novo, o alcalde volve quedar en evidencia porque, fronte aos seus nove meses de espera para que o Concello emitira o informe negativo a esta planta, a Xunta emitiu en 16 días a súa resolución”, sinalou.
 

 

“Resulta intolerable a incompetencia amosada polo alcalde de Teo e o seu equipo de goberno municipal na tramitación desta solicitude, amosándose máis preocupado por buscar posibles votos entre os veciños a través de pseudo reunións-mitins que de solucionar o grave problema que suporía para este concello, e toda a área de Compostela, a instalación desta planta de residuos”, indicou Paula Prado.
 

 

 

Logo dunha reunión mantida coa directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira, a viceportavoz popular amosou “a preocupación polo novo intento da empresa Toysal para instalarse en Teo a través dun proxecto que xa entregou na Consellería de Industria”. “Este documento xa está en posesión do Concello e esperamos agora que tanto o alcalde da Marea como a súa concelleira socialista de Urbanismo atenda a sensibilidade que se espera do Goberno municipal por parte dos veciños e veciñas de Teo”, apuntou.
 
 

 

O ALCALDE DINAMITOU O CONSENSO
 
 

 

Nesa mesma reunión, o portavoz do Grupo Municipal do PP, José Manuel Guerra, criticou que o alcalde “dinamitara o consenso existente na corporación municipal entre todas formacións políticas para rexeitar a instalación da planta de residuos co único fin de conseguir máis votos nas vindeiras eleccións municipais, chegando incluso a pedir o voto aos veciños na última reunión que se celebrou para dar conta do traslado do informe de incompatibilidade urbanística á Xunta”.
 
 


Guerra lamentou, ademais, que “o alcalde lanzara duras críticas contra a Xunta nesa reunión cos veciños, cando a verdade é que o Goberno galego sempre actuou con lealdade institucional e ofrecendo colaboración ao Concello para a tramitación do expediente”.

Síguenos nas redes sociais