O PPdeG lembra que a Lei do Consello de Contas xa recolle a posibilidade de denunciar confidencialmente os casos de corrupción

03 Out 2018
Santiago, 3 de outubro de 2018.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos lembrou hoxe, no debate no Parlamento galego dunha iniciativa socialista, que a Lei do Consello de Contas xa contempla a posibilidade de denuncia confidencial de calquera persoa respecto dun suposto caso de corrupción, ao tempo que existe un protocolo para a prevención, detección, actuación e resolución de situacións de acoso laboral e outras discriminacións no traballo na administración da Comunidade galega ás persoas que realicen estas denuncias.
 
“Todas estas medidas foron implementadas durante a pasada lexislatura polo Goberno galego e o PPdeG, sen que contaran co apoio de ningún grupo da oposición”, sinalou.
 

 

 

Así mesmo, Alberto Pazos demandou que “o novo Goberno central socialista impulse a tramitación nas Cortes Xerais da proposición de lei integral de loita contra a corrupción e protección dos denunciantes”, ainda que viu aos socialistas “máis preocupados en impulsar unha lexislación que protexa aos non denunciantes”, en clara alusión á ministra de Xustiza, Dolores Delgado.
 
 


Pazos criticou “a dobre vara de medir do socialismo español, que considera un pecado mortal a elusión fiscal por parte do adversario e apenas unha fea mancha no Goberno recentemente estreado; cualifica de intolerable o plaxio para os adversarios, pero se trata dunha cuestión irrelevante para o Presidente socialista; a liberdade de prensa é sagrada salvo cando a información prexudica aos socialistas, en cuxo caso debe ser regulada; ou se socava a credibilidade dos profesionais que revelan a escandalosa actuación dos ministros socialistas”.

Síguenos nas redes sociais