Encarna Amigo demanda que a Xunta licite no primeiro trimestre de 2019 a residencia de maiores no barrio da Residencia de Lugo

17 Out 2018
Santiago, 17 de outubro de 2018.- A deputada do Grupo Popular Encarna Amigo demandou hoxe que a Xunta de Galicia licite no primeiro trimestre de 2019 a residencia de maiores no barrio da Residencia de Lugo. “Non hai ningún cambio respecto ao proxecto presentado pola Xunta”, asegurou a deputada popular, quen demandou ao Concello que “non confunda á cidadanía sementando dúbidas sobre o compromiso do Goberno galego e colabore sen entorpecer este proxecto para o barrio da Residencia”.
 
 

 

Encarna Amigo explicou que a nova residencia de maiores de Lugo está incluída no plan Coma na casa da Xunta de Galicia, a través do que se prevé a construción de sete novas residencias nas sete grandes cidades galegas. A posta en servizo destes centros permitirá que máis de 900 persoas dependentes accedan ás novas prazas residenciais e suporá a creación de ao redor de 500 empregos.
 

 

 

TRABALLO INTENSO NOS ÚLTIMOS MESES
 
 

 

“O obxectivo do Plan Como na casa é garantir a asistencia aos dependentes aumentando a oferta asistencial pública naqueles lugares onde se concentra a demanda de prazas, que son as grandes cidades e as súas áreas de influencia”, manifestou.
 
 

 

A deputada popular apuntou que “a Xunta traballou intensamente durante os últimos meses no desenvolvemento do proxecto para o barrio da Residencia de Lugo”. En concreto, dixo que o proxecto do centro integral de saúde xa está rematado, solicitouse licenza de obra e o seguinte paso será licitar as obras; e o proxecto da nova oficina de emprego está rematado e a Xunta vai solicitar a licenza nas vindeiras semanas; ao tempo que o Goberno galego tamén traballa no expediente para iniciar as obras de derrubamento.
 

 


Respecto ao acordo da Xunta para deixar sen efecto a retrocesión do edificio, Encarna Amigo indicou que esta decisión “adoptouse a instancias do Goberno central, propietario do inmoble, porque considera máis conveniente realizar máis adiante unha retrocesión global do complexo”. “Isto non supón en ningún caso paralizar nin modificar o proxecto”, asegurou, para instar “ao actual Goberno central socialista que manteña o proxecto da nova comisaría que xa estaba encauzado co anterior Goberno do PP”. 

Síguenos nas redes sociais