O Parlamento galego solicita ao Goberno central que continúe a tramitación para designar ao INTECMAR como Laboratorio Nacional de Referencia

07 Nov 2018
Santiago, 7 de novembro de 2018. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, coa abstención de toda a oposición, a través da que se demanda ao Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social para que lle dea continuidade á tramitación, para a súa posterior sinatura, do protocolo entre a Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (AECOSAN) e o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR) para que este último sexa designado Laboratorio Nacional de Referencia para biotoxinas mariñas e control e clasificación das zonas de produción de moluscos bivalvos.
 
 

 

A deputada popular Teresa Egerique fixo fincapé no recoñecemento das institucións galegas no eido dos moluscos bivalvos, dada a relevancia socioeconómica do seu cultivo en Galicia; e destacou a ampla experiencia de Galicia, que posúe a maior produción a nivel europeo.
 
 

 

Tal e como explicou, o proceso do Brexit trouxo como consecuencia a supresión do Laboratorio Comunitario de Referencia, encargado do seguimento dos contaminantes virais e bacteriolóxicos dos moluscos bivalvos, actualmente localizado no Reino Unido, e o reparto das súas funcións en catro centros por toda Europa. Un deles é o INTECMAR, o laboratorio español encargado deste cometido.
 
 

 

“É dicir, a Galicia tocoulle a parte máis importante e a máis ampla do traballo que ata agora viña facendo o laboratorio comunitario”, explicou Teresa Egerique. “Isto é máis que o que Galicia tiña, aínda que sempre defendemos que queríamos a totalidade das áreas e ser así o laboratorio de referencia europeo”, apuntou.
 

 

 

TRABALLO CONXUNTO
 
 

 

Foi así como os gobernos galego e nacional iniciaron un traballo conxunto para aproveitar sinerxías e colaborar no cumprimento da lexislación comunitaria para o control das zonas de produción de moluscos bivalvos. Deste xeito, no pasado mes de febreiro, o presidente da Xunta entregoulle á ex ministra de Sanidade un protocolo de colaboración nesta materia. Un documento que, no momento do cambio de goberno, xa estaba en tramitación e pendente de sinatura.
 

 

 

En concreto, a deputada popular explicou que AECOSAN designaba ao INTECMAR como Laboratorio Nacional de Referencia e, pola súa banda, o instituto galego comprometíase a: facilitar o acceso ás mostras necesarias para a organización de ensaios que o Laboratorio Comunitario de Referencia necesite; aceptar visitas formativas para o persoal do citado laboratorio e compartir a experiencia xestora nas zonas de produción de Galicia coa AECOSAN; e cumprir coas funcións e responsabilidades do Laboratorio Comunitario de Referencia de Moluscos Bivalvos.
 
 


Teresa Egerique destacou, ademais, que a Xunta incrementou nun 20 por cento o orzamento destinado a INTECMAR, situándose no máis alto dos últimos sete exercicios, e afirmou que Galicia cumpre cos requisitos para ser o laboratorio de referencia de toda Europa.

Síguenos nas redes sociais