O Parlamento galego require ao Goberno central que concrete o prazo e a fórmula elixidos para a supresión da peaxe de Redondela na AP-9

07 Nov 2018
Santiago, 7 de novembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, coa abstención de En Marea e BNG, a través da que se require ao Goberno do Estado a concreción do prazo e a fórmula elixidos para a supresión da peaxe de Redondela na AP-9. “A cidadanía deste concello non vai parar ata que se cumpra aquilo que lle prometeron”, manifestou o deputado popular Alberto Pazos.
 
 

 

O deputado popular lembrou que “os veciños de Redondela estamos a sufrir desde hai 12 anos unha situación inxusta que prexudica o desenvolvemento da nosa comarca, derivada da pervivencia da peaxe discriminatoria da AP-9 neste concello”, logo da eliminación da peaxe entre Vigo e O Morrazo.
 
 

 

Neste sentido, criticou o acordo adoptado polo Goberno central socialista en 2011, no último Consejo de Ministros antes das eleccións, “que supuxo un novo gravame para Chapela, pero que foi un novo negocio para a empresa concesionaria Audasa, ao autorizarse unha suba das peaxes do 1 por cento durante 20 anos e un oito por cento anual de beneficio”.
 
 

 

CONSECUENCIAS NEGATIVAS CO NOVO GOBERNO CENTRAL
 
 

 

“Diante desta situación, os veciños de Redondela dixeron basta e o Concello, co apoio veciñal, liderou as negociacións co Goberno central conseguindo melloras importantes, como o novo colexio, a gardería, a instalación de asfaltado de baixo impacto sonoro ou pantallas antiruído, e a promesa da eliminación da peaxe para o verán de 2018”, subliñou Alberto Pazos.
 

 

 

Porén, o deputado popular lamentou que “o cambio de Goberno do Estado trouxo consecuencias negativas para Redondela, cun retraso inxustificado na aprobación da addenda que contemplaba as melloras acadadas polo Concello e o adiamento, sen data concreta, do compromiso da eliminación da peaxe”.
 
 


“Non teño ningunha dúbida de que a peaxe de Redondela vai desaparecer máis pronto que tarde”, manifestou Alberto Pazos, ante o que demandou á oposición que “decidan se isto vaise facer realidade con vostedes ou a pesar de vostedes”.

Síguenos nas redes sociais