José Manuel Rey demanda a unión de esforzos para declarar Ferrol como Cidade Patrimonio da Humanidade

07 Nov 2018
Santiago, 7 de novembro de 2018.- O deputado do Grupo Popular, José Manuel Rey, demandou hoxe no Parlamento “unión de esforzos para conseguir a declaración de Ferrol como Cidade Patrimonio da Humanidade” e en concreto pediu ao Concello que “axilice a elaboración do expediente, aportando a documentación demandada pola Xunta de Galicia referida ao plan de xestión e garantindo os consensos entre todas as partes implicadas: concellos limítrofes, Xunta e Ministerio de Defensa”.
 
 

 

José Manuel Rey preguntou hoxe no Pleno do Parlamento ao conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, sobre o estado de tramitación deste expediente. “Quedou claro que o Concello é quen debe levar a iniciativa neste proxecto, para o que conta con todo o apoio e colaboración por parte da Xunta, que xa conseguiu o pasado ano a permanencia de Ferrol na lista indicativa ante o proceso de depuración que estaba realizando o Ministerio de Cultura”, sinalou.
 
 

 

CORRIXIR DEFICIENCIAS
 
 

 

Na súa intervención, o conselleiro de Cultura informou que o pasado mes de xaneiro o Concello de Ferrol remitiu un novo borrador de proxecto, que os técnicos da Xunta están a analizar e sobre o que xa mantiveron conversacións con representantes municipais para corrixir deficiencias e adecuar o enfoque da candidatura.
 
 

 

“En concreto, o Concello de Ferrol deberá reforzar o plan de xestión, no que se recolle a estratexia de conservación e difusión dos valores singulares do ben, e garantir os consensos entre todas as partes implicadas no proxecto”, dixo o deputado popular. Neste sentido, criticou que, segundo informou o conselleiro, “o Concello non realizara ata o de agora ningún tipo de comunicación nin proposta de encontro con moitas destas partes, especialmente co Ministerio de Defensa”.
 
 

 

José Manuel Rey subliñou que “Ferrol merece este recoñecemento mundial e para conseguilo debemos estar todos unidos e colaborar para facelo posible”. Por este motivo, demandou á Consellería de Cultura “que preste toda a colaboración co Concello, porque non podemos perder máis tempo, xa que sabemos que pasan tres anos entre a presentación da candidatura e a obtención do recoñecemento”.
 
 


“A parálise municipal na tramitación desta candidatura ao non presentar o expediente completo ante a Xunta e o Estado supuxo que perdéramos a ocasión de que España presentara a nosa proposta este ano ante o Centro de Patrimonio Mundial, pero máis grave é que tampouco se poida incorporar en 2019 e 2020 porque España xa ten aprobadas as candidaturas para eses anos”, lamentou.

Síguenos nas redes sociais