O PPdeG critica “o retorno ao desprezo entre institucións coa chegada dos socialistas ao Goberno central”

07 Nov 2018
Santiago, 7 de novembro de 2018.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, criticou hoxe “o retorno ao desprezo entre institucións coa chegada dos socialistas ao Goberno central”, logo de que o delegado do Goberno en Galicia deixara á Xunta fóra da mesa de coordinación contra a violencia de xénero que celebrou onte en A Coruña.
 
 
“Todo lles vale con tal de conseguir notoriedade, pero a igualdade ten que saír do debate político se queremos conseguir resultados positivos e evitar a consecuencia máis dura da desigualdade, que é a violencia de xénero”, indicou.
 

 

 

Paula Prado lamentou que “esta situación xa non é nova, logo de que xa se tivera producido durante o anterior Goberno socialista de Zapatero e, hai poucos días, o mesmo delegado do Goberno visitou as obras de construción do AVE en Galicia sen avisar nin contar para nada coa Xunta de Galicia”.
 
 

 

“Ninguén se pode apropiar de abandeirar a loita contra a violencia de xénero”, indicou a viceportavoz popular, quen considerou indispensable que “os agresores vexan que hai unidade na loita contra este tipo de violencia e que non teñen aliados de ningún tipo”. “Accións como a que protagonizou onte o delegado do Goberno van en contra da unidade política que debemos manter na loita contra a violencia de xénero e prexudican ás vítimas, que poden verse afectadas por déficits de coordinación derivados da exclusión destas reunións da institución con máis competencias na súa atención”, sinalou.
 
 

 

CONTRAPOSICIÓN DO PPDEG
 
 

 

Así mesmo, Prado, que preside a Comisión especial para a igualdade e para os dereitos das mulleres no Parlamento galego, contrapuxo a convocatoria desta mesa de coordinación sen a presenza da Xunta “coa actitude do Partido Popular, que liderou dende o Estado a sinatura dun Pacto de Estado plural contra a violencia machista, e que mantén unha postura de máximo diálogo e lealdade no Parlamento galego, onde xa pactamos con todos os grupos da oposición unha postura común de propostas galegas para ese Pacto de Estado e onde neste momento estamos a traballar todos os grupos parlamentarios para achegar posturas e sacar adiante de xeito conxunto un ditame da Comisión que poida servir de base para un Pacto Galego neste eido”.
 
 


“Agardamos que os deputados socialistas no Parlamento reaccionen ante esta deslealdade institucional á Xunta e demanden ao máximo representante do Goberno central socialista en Galicia que rectifique e conte coa Xunta nas novas convocatorias desta mesa de coordinación, ao tempo que convide aos deputados galegos a calquera outra foro relacionado coa igualdade”, manifestou.

Síguenos nas redes sociais