O PPdeG salienta que Galicia é a primeira comunidade con formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal da Administración

20 Nov 2018
Santiago, 20 de novembro de 2018.- A portavoz de Igualdade do Grupo Popular, Marián García Míguez, salientou hoxe que “Galicia é a primeira comunidade autónoma española con formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración galega, das entidades públicas instrumentais do sector público, do persoal docente e do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde”.
 
 

 

García Míguez criticou que o Grupo Socialista “trouxera hoxe ao debate do Pleno do Parlamento unha proposición non de lei que é un corta e pega doutra iniciativa defendida por Ciudadanos na Comunidade de Madrid”. Neste sentido, salientou que Madrid conta cunha estratexia contra a violencia de xénero para os anos 2016-2021 dotada con 272 millóns de euros, fronte ao VII Plan Estratéxico de igualdade de oportunidades 2017-2020 da Xunta que conta con 392 millóns de euros. “En Galicia, temos 120 millóns de euros máis e case catro millóns de persoas menos”, subliñou.
 

 

 

PLAN DE IGUALDADE NA SANIDADE
 
 

 

“Este VII Plan Estratéxico de igualdade de oportunidades 2017-2020 recolle entre as súas prioridades a formación en igualdade, en prevención e loita contra a violencia de xénero”, manifestou a portavoz popular.
 

 

 

Así mesmo, Marián García engadiu que “en Galicia disfrutaremos en 2019 do primeiro Plan de igualdade na sanidade pública; somos o exemplo a seguir en materia lexislativa; e contamos coa lei de convivencia e participación e un plan de igualdade nos centros educativos”.
 
 


“Formamos ao persoal nos centros de maiores, nas residencias, nos centros de día, pero tamén nas escolas, nos xulgados, na policía, ao persoal sanitario, nas universidades e en calquera ámbito da sociedade, porque a loita contra a violencia machista é de toda a sociedade galega”, afirmou.

Síguenos nas redes sociais