O PPdeG apoia que a Xunta aprobe un plan plurianual de investigación, localización, exhumación e identificación de vítimas do franquismo

05 Dec 2018
Santiago, 5 de decembro de 2018.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Pleno do Parlamento dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a elaborar e aprobar, coa participación das entidades locais, universidades e asociacións de memoria histórica, un plan plurianual de investigación, localización, exhumación e identificación das vítimas do franquismo que están soterradas en foxas comúns en Galicia.
 
 
O deputado popular Alberto Pazos sinalou que esta iniciativa “desenvolve a resolución do PPdeG aprobada no último Debate sobre o Estado da Autonomía na que defendíamos facilitar ás familias de vítimas da Guerra Civil e da represión franquista a localización, exhumación e traslado, se procede, dos restos mortais dos seus familiares”.
 

 

 

En concreto, a iniciativa aprobada hoxe sinala que o procedemento para a localización basearase na investigación por parte dun equipo multidisciplinar que teña en conta as fontes orais, as probas documentais e a relación de indicios que a xustifiquen. Os traballos de exhumación e identificación realizaranse por equipos profesionais, con financiamento público e de conformidade cos protocolos establecidos. O obxectivo último do plan debe ser a entrega dos restos ás familias e o desenvolvemento de actos de enterramento digno.
 

 

 

Na súa intervención, Alberto Pazos criticou que a oposición “pretendera hoxe desvirtuar a resolución aprobada no Debate sobre o Estado da Autonomía para convertela nunha reivindicación da súa particular visión política da memoria histórica, transformando un instrumento de concordia nun instrumento de confrontación partidista”.
 

 

 

CICATRIZACIÓN DAS FERIDAS
 

 

 

Así, amosou “a necesidade de avanzar na dignificación dos represaliados da ditadura, nun momento no que a conxuntura económica mellorou e permite afrontar este proceso”. “Sería un instrumento para afondar na cicatrización das feridas do pasado, primando a vontade das familias”, indicou.
 
 

 

Na súa intervención, Pazos amosouse “seguro de que compartimos a vocación por aliviar a dor das familias”, pero lamentou que o BNG “precise confrontar lexitimidades constitucionais para poder xogar ao seu pasatempo favorito: outorgar certificados de boa conduta”.
 
 


“Non admitimos máis leccións de democracia e se queren alentar a confrontación non conten co Partido Popular”, sinalou o deputado popular, quen engadiu que “se queren traballar para pechar feridas e non repetir os erros do pasado nos atoparán onde sempre: militando na concordia, na democracia e na Constitución de 1978”.

Síguenos nas redes sociais