Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Puy salienta a xornada de onte no Congreso coa aprobación de propostas para a transferencia da AP-9, a igualdade na tributación dos emigrantes e o ingreso do IVE ás autonomías

12 Dec 2018
Santiago, 12 de decembro de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou a xornada vivida onte no Congreso favorable aos intereses de Galicia e os galegos xa que, ademais da admisión a trámite da proposición de lei proposta por unanimidade do Parlamento de Galicia solicitando a transferencia da AP-9,
 
 
“Aprobouse outra proposición non de lei impulsada polo Grupo Popular no Congreso para que os residentes galegos de fóra da Unión Europea tributen no imposto de sucesións igual que os residentes na UE; e tamén o Grupo Popular conseguiu que se admitise a trámite outra proposición de lei que garante que Galicia vaia contar coas 12 mensualidades que lle corresponden de ingresos polo IVE, algo que xa está incluído nos orzamentos para 2019, a pesar do voto en contra do Partido Socialista e de Podemos-En Marea”.
 

 

 

Puy amosou a súa satisfacción polo resultado do debate de onte sobre a proposición de lei para a transferencia da AP-9, “no que participou o deputado Martín Fernández Prado e que xustificou, sen necesidade de facer ningunha agresión política, os motivos para solicitar este traspaso a Galicia”. Neste sentido, expresou a súa confianza en que a tramitación desta norma “se faga nun prazo de tempo razoable” e considerou “bo que se iniciase en paralelo á tramitación no Congreso a negociación na Comisión mixta de transferencias”. “Ganaríamos tempo e permitiría entrar nos tema que máis nos preocupan a algúns, que son as condicións da transferencia”, manifestou Puy.
 
 

 

Porén, demandou “non incorrer no erro de que a alegría de onte nos cegue para facer unha boa transferencia, porque o custo para os cidadáns ten que ser tratado nunha negociación bilateral entre o Goberno do Estado e da Xunta”.
 
 

 

TRIBUTACIÓN IGUAL PARA TODOS OS EMIGRANTES
 
 

 

 

En segundo lugar, Pedro Puy saudou “outra boa nova acontecida onte no Congreso que ven darlle a razón a outra iniciativa aprobada neste Parlamento e impulsada polo PPdeG en relación co axuste da fiscalidade no imposto de sucesións e doazóns aos galegos residentes fóra da UE”. Neste sentido, lembrou “unha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que daba a razón a quen defendíamos que había unha discriminación entre a tributación por ese imposto entre os galegos residentes no exterior dentro da Unión Europea, que o facían pola normativa autonómica, e os que estaban fóra da Unión Europea, que tributaban pola normativa estatal”.
 

 

 

“Unha vez que en Galicia se fixeron unhas modificacións importantes que favorecen a conservación do patrimonio familiar, coa aprobación desta nova normativa todos os emigrantes pasarán a tributar pola máis favorable normativa autonómica”, engadiu.
 

 

 

12 MESES DE IVA
 
 

 

Por último, o portavoz popular referiuse á tramitación da “relevante e transcendente” proposición de lei do Grupo Popular no Congreso a través da que se modifica a normativa para que o vindeiro ano as comunidades autónomas reciban doce mensualidades da recadación do IVE nas entregas a conta, “unha cantidade que xa está incorporada nos orzamentos da Xunta para o 2019”.
 
 

 

Puy lembrou que unha modificación da normativa realizada polo anterior Goberno do PP para loitar mellor contra a fraude modificou o pago do IVE e motivou que o actual Goberno do Estado anunciara que o vindeiro ano abonaría só 11 mensualidades ás autonomías. “Galicia foi a primeira que reclamou esta falta de ingresos e outras comunidades se uniron a esta demanda, ao tempo que o Presidente da Xunta obtivo o compromiso explícito da ministra de Facenda para entregar os doce meses correspondentes, pero o Goberno do Estado non fixo nada”, sinalou.
 
 


Así mesmo, lamentou que esta proposta lexislativa do Grupo Popular “foi aprobada pola maioría do Congreso, co voto en contra do Partido Socialista e a abstención de Podemos-En Marea”. Esta negativa “resulta preocupante porque demostran que antepoñen a súa estabilidade política e o interese a curto prazo para permanecer no Goberno á resolución dun problema que afecta ás comunidades autónomas”.

Síguenos nas redes sociais