Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Pedro Puy afirma que a aprobación dos orzamentos da Xunta “é unha boa nova para Galicia e un síntoma de estabilidade institucional”

17 Dec 2018
Santiago, 17 de decembro de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que a aprobación dos orzamentos da Comunidade galega para 2019 “é unha boa nova para Galicia e un síntoma de estabilidade institucional e unha mensaxe de confianza para os axentes económicos”.
 

 

Pedro Puy lembrou que os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano establecen un gasto de 9.850 millóns de euros, cun incremento de gasto de 363 millóns respecto a este ano. Deste xeito, as contas permitirán reforzar o gasto social, aumentar os investimentos, impulsar a creación de emprego e aprobar novas baixadas de impostos. Así mesmo, salientou que “estes orzamentos son os máis altos desde 2010, con 1.464 millóns de euros máis en relación ás contas de 2014, cando a Xunta se viu obrigada a reducir gasto como consecuencia da crise económica e a caída dos ingresos”.
 
 

 

“É unha boa nova para Galicia que haxa normalidade institucional e que teñamos uns orzamentos baseados nas previsións económicas que contan co aval da propia AIReF, cousa que non ocorre noutras comunidades como Andalucía”, manifestou.
 
 

 

REBAIXA DAS PEAXES
 
 

 

Puy tamén se referiu ás dúas proposicións non de lei que o Grupo Popular defenderá no Pleno ordinario desta semana. En primeiro lugar, solicitará que o Goberno galego desenvolva as bonificacións horarias nas peaxes da súa titularidade (A Coruña-Carballo e Vigo-Baiona), ao tempo que remita unha proposta ao Goberno central para reducir o impacto das peaxes nas autoestradas de titularidade estatal AP-9 e AP-53.
 

 

 

“Tamén pedimos que as próximas obras na AP-9 non se financien con cargo a novas subas das peaxes, senón aos orzamentos xerais do Estado, cumprindo ademais o compromiso de liberalizar a peaxe de Redondela asumido polo anterior Goberno do PP”, indicou.
 

 

 

O portavoz popular lembrou que a peaxe da AP-9 incrementarase máis dun 3,4 por cento no 2019, que se sumará ao 2 por cento que xa se incrementou no pasado mes de outubro, “moi por enriba da suba do IPC que se aplicará nas autoestradas de titularidade autonómica”.
 

 

 

Así mesmo, Pedro Puy recordou que o Consello de Ministros aprobou a pasada semana rebaixas nas peaxes para as autoestradas rescatadas, polo que demandou “meditar ao Goberno central” e aplicar “congruencia e solidariedade con quen sofre a escalada continua no pago, que son os usuarios da AP-9”.
 

 


Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo demandar ao Concello de A Coruña para que ceda os espazos que se axusten aos requirimentos necesarios para a construción dun novo centro de saúde no Mercado de Santa Lucía.

Síguenos nas redes sociais