Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Pedro Puy critica que a oposición “estea xogando a non debater, non contrastar e non facer propostas” na comisión de investigación sobre a sanidade

17 Dec 2018
Santiago, 14 de decembro de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, considerou hoxe que os grupos da oposición “non queren facer unha verdadeira comisión de investigación sobre a sanidade pública galega para chegar a unhas conclusións aproveitando a información recadada a través de informes e comparecencias e facer propostas de mellora do sistema sanitario”. “Están xogando a non debater, a non contrastar cifras e a non facer propostas en serio, ante o que o Grupo Popular asumimos a responsabilidade de levar adiante a comisión de investigación”, apuntou.
 
 

 

Puy afirmou que a oposición “se está equivocando gravemente e poden contribuír a menoscabar o funcionamento democrático do Parlamento”. Neste sentido, manifestou que esta actitude “non me sorprende nun BNG, que chegou a facer un pleno paralelo no parque ao carón do Parlamento; ou dun espazo político como A Marea que xa vemos como entenden a democracia interna; pero si chama a atención o que está a facer o PSOE, logo de que a modificación do regulamento saíra adiante gracias a un pacto con eles, intentando simular que xunto a unha verdadeira comisión parlamentaria hai outra que traballa en paralelo”.
 

 

 

Porén, o portavoz popular asegurou que “paréceme ben que os grupos da oposición se reúnan con quen consideren oportuno co fin de documentar o seu traballo parlamentario” e lembrou que “xa o fixeron cando se organizou a comisión de estudo sobre a política forestal”.
 

 

 

CUESTIONAR O FUNCIONAMENTO
 
 

 

“Non discuto con quen se reúnen os grupos”, sinalou, para engadir que “cando se demandan uns comparecentes, o lóxico é que veñan os máis significativos”. Neste sentido, lembrou que “houbo unha oferta xenerosa de pacto do plan de traballo por parte do Grupo Popular, na que máis da metade dos comparecentes eran a iniciativa da oposición, pero que eles rexeitaron”.
 

 

 

Así, logo de recordar que durante a pasada semana compareceron representantes do Consello de Contas, do Servizo de Oncoloxía Médica da EOXI de Santiago; de SOS Sanidade Pública; da Asociación de Hospitais de Galicia (AHOSGAL); da Federación Galega de Enfermidades Raras; da Asociación Galega de Hemofilia; da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C; ou da Asociación Galega de Transplantes Airiños, subliñou que “van comparecer tamén os representantes de todos os sindicatos do mundo sanitario”. “É posible que haxa colectivos non oficiais, pero entendemos que os representantes sindicais elixidos polos traballadores da sanidade pública son os que mellor poden traer a opinión dos traballadores”, dixo.
 
 


Pedro Puy lamentou que a oposición “está tratando de cuestionar o funcionamento dun servizo público tan importante como é a sanidade”, ante o que reiterou que o Grupo Popular “imos seguir traballando na comisión parlamentaria constituída segundo o regulamento para que as conclusións describan a realidade da sanidade pública galega”.

 
 
 

“Estamos abertos a mellorar a sanidade”, manifestou o portavoz popular, quen recoñeceu que o sistema sanitario “ten problemas, que hai que analizar e ver como se poden resolver, pero nun contexto no que a sanidade pública está mellorando, pese ás dificultades que houbo no pasado”.

Síguenos nas redes sociais