Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Tellado: “As liortas internas das Mareas de Podemos vanlle custar cartos a todos os galegos”

11 Xan 2019

11, xaneiro, 2019.  O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que os populares están convencidos de que haberá Grupo Mixto na Cámara galega, “pero hai que ver quen son os que o conforman: se Podemos, se os de Villares ou os de Anova”. “As liortas internas das Mareas de Podemos vanlle custar cartos a todos os galegos, porque a mera constitución do Grupo supón un importante gasto extra para as arcas do Parlamento”, engadiu.

 

Así mesmo, indicou que moitos galegos que votaron no seu día ás Mareas de Podemos, tanto nos Concellos como nas autonómicas, hoxe deben sentirse moi decepcionados co que ven, comprobando que lle están pagando o soldo a uns representantes públicos que non fan nin unha soa proposta para mellorar Galicia, senón para que se dediquen a conspirar uns contra outros.

 

Nese senso, recordou que, no 2012, o Bloque rachou despois dunhas eleccións internas nas que perderon os aliados de Beiras e a xente que hoxe está en Anova; e, máis tarde, en 2014, AGE rompeu por personalismos e polas liortas internas. “En 2019, vemos como a historia está condenada a repetirse e a incógnita xa non é se as Mareas de Podemos van romper, senón cando e por onde o van facer”, subliñou.

 

SOLUCIONAR OS PROBLEMAS DOS CIDADÁNS

Como recoñeceu, nunha situación moi distinta á da oposición atópanse os populares galegos, que mañá celebrarán en Santiago un encontro cos seus candidatos nas sete cidades, que “demostrarán que son os mellores representantes deste proxecto común, centrado e rigoroso que é o PPdeG, un partido preocupado polo emprego e o crecemento económico, pola xestión eficiente dos recursos, pola calidade dos servizos públicos, e que entende que a política ten a súa razón de ser en solucionar os problemas dos cidadáns, non en ocupar o tempo nos problemas internos de cada formación”.

 

“Quen se achegue mañá ao encontro poderá ver sete candidatos e unha única marca, a do PPdeG, recoñecible, coas súas virtudes e os seus defectos, pero aos que só lles preocupa traballar polas súas cidades”, insistiu o secretario xeral ao tempo que aseveraba que, “se as Mareas de Podemos fosen capaces de organizar un evento coma este, poderiamos ver ata 14 candidatos, con 14 marcas diferentes, con persoas que non son capaces de sentarse á mesma mesa, insultándose entre eles; e ninguén sabería dicir que é exactamente o que propoñen para as súas cidades”.

 

A PASIVIDADE DO GOBERNO CON ALCOA

Por outra banda, Tellado lamentou a situación de incerteza que vive Alcoa, xa que nin o Goberno de España foi capaz de desenvolver un estatuto do consumidor electrointensivo que xere certeza sobre o prezo da electricidade, o que permitiría á industria ser competitiva; nin a compañía retirou o ERE, senón que parece disposta a concretalo e facelo efectivo.

 

“Non queremos o peche de Alcoa, e moito menos que detrás de Alcoa poida haber máis casos de peche de empresas galegas a causa da pasividade do Goberno de Sánchez”, sinalando que a inacción do Goberno nacional e a falta dun marco eléctrico estable tamén afecta a outras industrias como Ferroatlántica e se pode estender ao resto da industria electrointensiva de Galicia e aos 5.000 empregos asociados.

 

Ademais, contrapuxo a actitude do Executivo central coa do autonómico, que mantivo o seu compromiso de velar pola unidade de acción, continuando ao lado dos traballadores para defender a continuidade da actividade industrial e os postos de traballo. Igualmente, manifestou que Galicia foi a primeira en poñer sobre a mesa propostas consensuadas con esta industria que xa foron remitidas ao Goberno -definir a figura do consumidor electrointensivo, deducir nun 90% os peaxes de acceso na parte relativa ao custo do transporte e establecer mecanismos de compensación por emisión de CO2 de carácter trimestral- e que a curto prazo deberían aplicarse con carácter retroactivo desde o pasado 1 de xaneiro.

Síguenos nas redes sociais