Puy afirma que “non parece o máis razoable someter ao país, nun período tan corto de tempo, a dúas campañas electorais, deixando pendentes temas importantes en relación con Galicia”

18 Feb 2019
Santiago, 18 de febreiro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que “non parece o máis razoable someter ao país, nun período tan corto de tempo, a dúas campañas electorais”, ademais de que o propio Goberno do Estado recoñecera que existía un desfase de máis de 8.200 millóns de euros no proxecto de orzamentos.
 
Así mesmo, apuntou que “quedan pendentes varios temas en relación con Galicia, como a autorización para o gasto dos 125 millóns de euros do superávit da Xunta; a resolución do problema do IVE que reciben as autonomías, que no caso de Galicia ronda os 200 millóns de euros; a transferencia da AP-9; a solución ás empresas electrointensivas, como Alcoa; a construción das fragatas F-110 en Ferrol; ou a reivindicación da propiedade do Pazo de Meirás.
 
 

 

Ao remate da reunión do Grupo Popular celebrada esta mañá, Pedro Puy informou que no vindeiro Pleno “estará en disposición de incluírse o debate de totalidade do proxecto de Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbana de Galicia”. Segundo explicou, esta nova norma céntrase “na rehabilitación e na recuperación de edificios que teñen un valor patrimonial e urbano importante nos cascos urbanos de Galicia ou nos Camiños de Santiago como factor de dinamización económica e social”, ao tempo que permite axilizar a tramitación de licenzas para actuar nos inmobles, porque non será necesario o informe de Patrimonio cando non se trate dun ben de interese cultural; e incorpora sancións para previr e loitar contra as pintadas en edificacións históricas ou de ámbitos protexidos.
 

 

 

INCERTEZAS NO ÁMBITO ECONÓMICO
 
 

 

Respecto do adianto das eleccións xerais, Puy indicou que “non parece o máis razoable someter ao país nun período tan corto de tempo a dúas campañas electorais”. Ademais, subliñou que “abre unha serie de incertezas con carácter xeral no ámbito económico”, logo de que se demostrara que no proxecto de orzamentos “os ingresos estaban inflados en relacións coa previsión de gastos”.
 

 

 

O portavoz popular criticou que “a propia ministra de Facenda recoñeceu un desfase de máis de 8.200 millóns de euros nas contas xerais, coincidindo con organismos que criticaron os orzamentos, como o Banco de España, a Comisión Europea ou a AIReF”, resultado das “decisións do Goberno central adoptadas por decreto que van facer que o déficit público suba ata o 2,4 por cento”.
 
 

 

Diante desta situación, Pedro Puy afirmou que “vai haber que facer axustes e nos tememos que vaian polo lado dos investimentos”. Deste xeito, e logo de que o Goberno socialista xa avanzara un axuste dos investimentos para Galicia no proxecto de orzamentos, “corremos serio risco de que o ano que ven a economía galega deixe de ter o impulso que lle da o investimento público por parte do Estado”.
 

 

 

TEMAS PENDENTES
 
 

 

Puy indicou que “quedan temas pendentes con Galicia que nos preocupan”. En primeiro lugar, referiuse á autorización para o gasto dos 125 millóns de euros do superávit da Xunta do pasado ano, porque “o contrario sería que se primara ás comunidades incumpridoras, fronte a aquelas que como Galicia que compren a regra de gasto e teñen superávit”.
 
 

 

En segundo lugar, o portavoz popular concretou que “queda pendente e confiamos que se resolva o tema do ingreso da mensualidade pendente do IVE ás comunidades autónomas”, que no caso de Galicia supón arredor 200 millóns de euros.
 
 


Entre os asuntos pendentes por parte do Goberno central, Pedro Puy citou a transferencia da AP-9; a solución ás empresas electrointensivas, nomeadamente Alcoa; que se asinen os contratos para a construción das fragatas F-110 nos estaleiros de Ferrol; e tamén “sería bo que se soubese algo sobre a devolución do Pazo de Meirás”.

Síguenos nas redes sociais