Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O PPdeG lamenta que o BNG rexeitara unha declaración institucional no Parlamento de apoio aos actos do 8M e na defensa da igualdade plena entre homes e mulleres

27 Feb 2019
Santiago, 27 de febreiro de 2019.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, lamentou que o BNG rexeitara hoxe a aprobación no Pleno dunha declaración institucional de apoio ás persoas que participen nos actos reivindicativos do vindeiro 8 de marzo e na defensa da igualdade plena entre mulleres e homes.
 

 

O texto íntegro da declaración institucional proposto polo Grupo Popular aos demais grupos parlamentarios é o seguinte:
 
 


“O Parlamento de Galicia, con motivo do Día Internacional da Muller que se conmemora o día 8 de marzo, quere manifestar que a defensa da igualdade ten que superar as diferenzas partidistas e amosar o seu firme compromiso coa erradicación de calquera tipo de discriminación ou desigualdade de xénero, que atravese a vida das mulleres en todos os ámbitos, con diversas formas e a través de múltiples mecanismos que impiden acadar unha igualdade plena entre homes e mulleres.

 

O Parlamento de Galicia asume o compromiso de seguir loitando para acadar a igualdade real e conseguir unha sociedade máis xusta e alcanzar a igualdade plena en todos os ámbitos: na empregabilidade; no acceso ao mercado laboral en igualdade de oportunidades; na remuneración salarial e na eliminación do teito de cristal; e na defensa da conciliación e a corresponsabilidade no coidado dos fillos e fillas e das persoas maiores.
 
 
Son moitos os avances que temos conseguido pero aínda non acadamos a completa igualdade de xénero. En particular, cómpre seguir traballando na erradicación da violencia que se exerce contra  as mulleres e por iso é preciso seguir articulando máis medidas, máis recursos e máis coordinación.
 
 
O Parlamento de Galicia manifesta a súa total adhesión aos obxectivos que sempre se teñen perseguido na celebración do 8 de marzo e o seu completo apoio a todas as persoas que decidan participar nos actos reivindicativos que terán lugar este día contra todas as formas de discriminación, e en defensa da igualdade plena entre homes e mulleres. E lembra que só dende a unidade de acción política podemos seguir avanzando e contribuiremos á igualdade real e efectiva dos dereitos de mulleres e homes.”
 
 

 

“Trátase dun acordo de mínimos, alonxado de posicións partidistas, pero que o BNG rexeitou coa escusa de que quería que se votara a proposta de resolución da súa iniciativa unicamente para reprobar á Xunta e esixirlle unha rectificación das súas políticas por contribuír á permanencia da desigualdade”, indicou Paula Prado.
 
 

 

MÁIS MEDIOS E MÁIS RECURSOS CONTRA A DESIGUALDADE
 
 

 

Neste sentido, a viceportavoz manifestou que “nós non compartimos ese plantexamento porque a Xunta está loitando con máis medios e máis recursos contra a desigualdade: o programa de protección e apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero pasou de 2,8 a 5,4 millóns de euros entre 2009 e 2018; o cheque infantil pasou de 1,7 a 23,9 millóns de euros; e temos aprobado un Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021 cun investimento de 848 millóns de euros”.
 

 

 

“Quedan cousas por facer para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria, e para acadar a igualdade en todos os ámbitos”, sinalou a viceportavoz popular, polo que dixo que “temos que seguir traballando en defensa da conciliación, loitando pola empregabilidade das mulleres, por romper coa fenda salarial, co teito de cristal, por eliminar o mobbing maternal, o acoso sexual no traballo, as agresións sexuais ás mulleres e a violencia de xénero”.
 

 


Paula Prado afirmou que “estes son os obxectivos da folga do 8M e desde o PPdeG manifestamos a nosa adhesión a eses obxectivos e apoiamos a todas as persoas que decidan participar nos actos reivindicativos que terán lugar o 8M contra todas as formas de discriminación”.

Síguenos nas redes sociais