Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Grupo Popular solicitará no Pleno que o Goberno do Estado permita cubrir as vacantes da Policía Autonómica

05 Mar 2019
Santiago, 5 de marzo de 2019.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana que o Ministerio do Interior articule un concurso de méritos na Policía Nacional para cubrir as vacantes da unidade de Policía adscrita á Comunidade galega. Así mesmo, pedirá que o Concello de Vigo retorne ao consenso acadado hai tres anos para a modificación da Lei da Área Metropolitana e cumpra o convenio asinado en materia de transporte metropolitano.
 
 

 

Ao remate da Xunta de Portavoces, o voceiro popular Pedro Puy informou que a orde do día da sesión plenaria inclúe as comparecencias dos conselleiros de Sanidade, a petición propia e acumulada a unha solicitude da oposición, para informar sobre o novo modelo de atención primaria e os intentos de conseguir un amplo consenso para esta reforma do modelo sanitario; e do conselleiro de Cultura e Turismo, para dar conta dos obxectivos do seu departamento e a preparación do Xacobeo 2021.
 
 

 

CUMPRINDO A OBRIGA E AFRONTANDO O PROBLEMA
 
 

 

Cuestionado sobre a negociación que está a manter a Consellería de Sanidade para a reforma da atención primaria, Puy destacou que o conselleiro “está cumprindo coa súa obriga, que é afrontar o problema e intentar resolvelo a través do diálogo”. “Está a abordar esta cuestión no seu conxunto, con medidas a curto e medio prazo; e tomou a iniciativa de presentar un plan para falalo, discutilo e reformalo conforme ao que digan os propios representantes do sector”, indicou.
 
 

 

Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular incorporou á orde do día da sesión plenaria dúas iniciativas. A primeira delas ten como obxectivo que o Goberno do Estado poña en  marcha un concurso de méritos na Policía Nacional co obxectivo de cubrir as vacantes na Policía Autonómica de Galicia, de xeito que poida cumprir coas funcións que actualmente está prestando tanto na custodia de edificios públicos como na protección de mulleres vítimas de violencia de xénero ou na loita contra os incendios forestais ou o furtivismo e marisqueo ilegal.
 

 

 

RETOMAR O CONSENSO DE 2016
 
 

 

O Grupo Popular tamén solicitará, a través dunha segunda proposición non de lei, que o Concello de Vigo retorne ao consenso acadado en febreiro de 2016 entre os 14 concellos e o Goberno galego para modificar a Lei da Área Metropolitana de Vigo, que posteriormente foi aprobada por unanimidade no Parlamento galego. Este cambio normativo supoñía a incorporación do Concello de Vigo ao Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, sen que esta incorporación significara incremento algún na aportación prevista ao mesmo para a Xunta ou para os outros concellos, nin limitación algunha ao número de persoas usuarias.
 
 

 

Deste xeito, a proposición non de lei inclúe que o Concello de Vigo cumpra este convenio en materia de transporte metropolitano, garantindo os mesmos beneficios para todos os usuarios con independencia do seu lugar de procedencia.
 
 


No que respecta ás preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular cuestionará sobre a súa opinión respecto do plan director para o Corredor Atlántico de Mercadorías, recentemente presentado polo Ministerio de Fomento; e sobre as liñas mestras para continuar avanzando nos eidos da igualdade e a coeducación en Galicia nos vindeiros anos.

Síguenos nas redes sociais