Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Puy alerta que o cambio do regulamento da Lei de Costas xera incerteza non só para o futuro de Ence, senón para conserveiras ou depuradoras

08 Abr 2019

Santiago, 8 de abril de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, alertou hoxe que a modificación do regulamento da Lei de Costas que está a impulsar o Goberno do Estado “está a xerar incerteza sobre o futuro non só da factoría de Ence na ría de Pontevedra, senón noutros ámbitos industriais, como as conserveiras; e instalacións de uso público, como as depuradoras”.

 

Pedro Puy lamentou que “nos últimos meses estamos asistindo, por acción ou omisión, a unha serie de actuacións do  Goberno socialista de Pedro Sánchez que están a poñer en perigo postos de traballo en Galicia”. Neste sentido, salientou a relevancia que terá a situación do sector industrial galego no Pleno que se celebra esta semana, no que terá lugar a comparecencia do conselleiro de Economía e Industria para dar conta do que está a facer a Xunta para protexer os postos de traballo neste ámbito.

 

REBAIXA DO 40% DAS COMPENSACIÓNS POR CO2

 

“Existe un problema serio con Alcoa e as empresas electrointensivas galegas, para o que se precisa unha regulación estable dos prezos da enerxía, así como aprobar un estatuto que teña en conta as alegacións presentadas desde Galicia”, indicou o portavoz popular. Ademais, criticou “a rebaixa do 40 por cento das compensacións polos custos de CO2 aprobada polo Goberno socialista, que baixou a 91 millóns de euros os 150 millóns que tiña aprobado o Goberno de Mariano Rajoy en 2018”.

 

Puy indicou que esta situación de incerteza estase a estender por outros sectores da industria galega, como a automoción, logo dos anuncios realizados sobre a creación dun imposto ao diésel ou a prohibición para a circulación destes vehículos; o peche das centrais térmicas de Meirama e As  Pontes; e, máis recentemente, a prórroga da factoría de Ence na ría de Pontevedra “logo do chamativo cambio de posicionamento da Avogacía do Estado, que ten que ver cunha decisión que aínda non está adoptada relacionada coa modificación do regulamento da Lei de Costas de 2014”.

 

O portavoz popular explicou que “existen dúbidas respecto de que esta modificación do regulamento da Lei de Costas se axuste á lexislación vixente, xa que pretende que o prazo concesional extraordinario concedido en 75 anos se contabilice desde a data inicial de concesión, e non desde cando foi tramitada a súa renovación”.

 

“As implicacións deste cambio van moito máis alá da afectación a Ence, que xenera milleiros de empregos directos e indirectos, así como rendas a un número moi importante de familias propietarias de terreos forestais”, indicou.

 

Esta reforma do regulamento da Lei de Costas, aparellado ao cambio de parecer da Avogacía do Estado respecto da prórroga de Ence, “está a ser unha fonte de alarmismo noutros sectores industriais da Comunidade galega, como o conserveiro; pero tamén noutras instalacións de uso público, como depuradoras”, afirmou Puy.

 

PASO MÁIS NA POSTA EN VALOR DO TERRITORIO GALEGO

 

Respecto da sesión plenaria que se celebra esta semana, Puy tamén destacou o debate para a súa aprobación do proxecto de lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbana de Galicia, “que trata de facilitar a recuperación do construído e a súa protección, fomentar a cultura da rehabilitación; impulsar a dinamización económica, social e demográfica; e compatibilizar a protección do patrimonio coa mellora das condicións de habitabilidade e a eficiencia enerxética”.

 

Esta norma suporá un paso máis na posta en valor do territorio galego, ao engadirse a outras normativas xa aprobadas como as directrices de ordenación do territorio, os plans de ordenación do litoral, a lei do solo e a estratexia da paisaxe.

 

“Basicamente, esta nova lei facilita actuacións que non afecten a elementos especificamente protexidos, constitúe unha ferramenta para que os concellos axilicen actuacións dentro do seu ámbito e prevé mecanismos de axuda para que as persoas propietarias cumpran os seus deberes de rehabilitación, pero penaliza a quen, a pesar destas axudas, segue a incumprir o deber de mantemento do patrimonio”, apuntou.

Síguenos nas redes sociais