Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

O Parlamento demanda a Fomento que elabore un plan director para o Corredor Atlántico consensuado coas comunidades autónomas

10 Abr 2019

Santiago, 10 de abril de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Ministerio de Fomento que elabore un plan director para o Corredor Atlántico consensuado, que recolla planificación e proxectos concretos de calidade para conseguir fondos europeos que se traduzan nunha verdadeira modernización desta liña ferroviaria. Así mesmo, pídese que traballe con intensidade na elaboración de documentos técnicos de calidade que favorezan a recepción de fondos europeos para a liña Vigo-Porto, ao tempo que redacta un plan de conservación e modernización do resto da rede ferroviaria de Galicia, no que se recollan actuacións de mellora e modernización das liñas Ferrol-Ribadeo, Ferrol-A Coruña, Vigo-Porto e Ourense-Lugo.

 

 

A proposición non de lei incorporou que o plan director para o Corredor Atlántico preste unha especial atención á conexión do ferrocarril cos portos de interese xeral, o Porto Seco de Monforte e a Plisan, así como a conexión dos grandes parques empresariais e loxísticos; á conexión ferroviaria co Porto Exterior de Punta Langosteira, garantindo o financiamento a cargo da UE e dos orzamentos do Estado, sen aportación de fondos económicos pola Autoridade Portuaria da Coruña, de xeito que se podan licitar e dar comezo as obras neste ano 2019; e a tramitación e aprobación do proxecto de saída sur de Vigo, coa previsión de licitación de proxectos ao longo do ano 2019. Tamén se pide que, no marco da revisión do Regulamento Europeo 1315/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, de 11 de decembro de 2013, se demande a inclusión do Porto de Vigo na rede básica portuaria da RTE-T.

 

EVITAR UN NOVO AGRAVIO CON GALICIA

 

A deputada popular Julia Rodríguez manifestou que esta iniciativa “trata de evitar que se produza un novo agravio con Galicia no que atinxe ao Corredor Atlántico de transporte ferroviario de mercadorías”. “Somos conscientes de estar ante a oportunidade de reparar unha inxusta exclusión, na que se veu traballando desde que se formalizou a declaración conxunta dos gobernos de Galicia, Asturias e Castela e León en outubro de 2017 para reclamar esta conexión ante o Goberno do Estado e as institucións europeas”, apuntou.

 

Julia Rodríguez lembrou que, unha vez que se garantiu a inclusión do Corredor Atlántico da conexión ferroviaria entre A Coruña e León, a través de Vigo, Ourense e Monforte, “o seguinte paso correspondería ao Ministerio de Fomento para elaborar o plan director para o Corredor Atlántico”. “Este plan foi presentado polo ministro o pasado 20 de febreiro pero non foi consensuado coas comunidades autónomas e, ademais, contén múltiples eivas e deficiencias, como contabilizar como investimentos obras xa executadas; incorpora outras que non corresponden aos treitos do Corredor Atlántico; obvia actuacións estratéxicas, como o baipás de Monforte, a saída sur de Vigo ou a solución á forte pendente do porto do Manzanal; e non recolle conexións ferroviarias imprescindibles coas instalacións portuarias ou a Plisan”, lamentou.

 

PLANIFICACIÓN COMPLETA

 

“Para acceder aos fondos europeos se precisa dunha planificación completa de actuacións e desenvolver proxectos concretos, de calidade e competitivos”, sinalou a deputada popular, quen tamén considerou necesario que eses proxectos “se concreten canto antes, porque os primeiros grandes proxectos de maior investimento deben facerse nos primeiros anos do mecanismo Conectar Europa”.

 

Deste xeito, lamentou que “esta actuación neglixente do Ministerio de Fomento estea poñen en risco a posibilidade de acometer unha modernización real da liña noroeste do Corredor Atlántico, que permita acadar os estándares de competitividade que  persigue a Unión Europea”.

 

“Non imos permitir que o Goberno socialista nos marxine outra vez e por ese motivo seguiremos defendendo a necesaria modernización das liñas ferroviarias galegas que nos permitan no futuro colocar os nosos produtos no resto de Europa en condicións de competitividade”, sinalou Julia Rodríguez.

Síguenos nas redes sociais