Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia a o usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo. Mais información Política de Cookies

Feijóo pide o voto para o PP porque será un Goberno para todos que ten en conta a Galicia

16 Abr 2019

16, abril, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu nun mitin en Xinzo o voto para o Partido Popular xa que será un Goberno para todos que terá en conta a Galicia.

O líder dos populares galegos amosouse preocupado polas desigualdades contra as que o Goberno de España debe combater e non acentuar. Nese senso, expresou que o PP cre na igualdade de todos os españois e iso pasa por un Executivo central que goberne para todos e non só para aquelas formacións ás que debe o seu apoio.

 

De igual xeito, admitiu que os populares queren un Goberno que pelexe contra a desigualdade entre mulleres e homes, posto que aínda faltan pasos por dar e trátase de algo que non se pode lograr fomentando a división, senón coa unión de todos -administracións, partidos e sociedade-.

 

No tocante á desigualdade económica, manifestou que non se loita contra ela apertando aínda máis a quen puido resolver o seu problema de desemprego coma se lles sobrase de todo, xa que hai que favorecer que se cren oportunidades e emprego. “A igualdade hai que lograla por arriba e non por abaixo”, engadiu.

 

“Queremos un Goberno de España que combata contra a desigualdade na prestación dos servizos públicos”, recoñeceu incidindo en que a solución se basea en acadar un financiamento autonómico que teña en conta que prestar os servizos aos maiores e nos pobos ten un custo superior que hai que afrontar, non nun pacto entre o Executivo e os independentistas que só miran polo seu ben.

 

Feijóo tampouco esqueceu o problema da falta de igualdade en canto ás infraestruturas, salientando que, en vez de investir máis nos sitios que máis teñen, deberíase destinar “todo o necesario nos lugares que levamos anos, décadas, esperando polo AVE, por conexións interiores de autovías ou por unha política de peaxes con sentido común”.

A IMPORTANCIA DE GALICIA E DE ESPAÑA

“Galicia non quere máis que ninguén pero non pode admitir que se lle trate coma se fose menos”, asegurou o presidente do PPdeG mentres aseveraba que a nosa Comunidade é sinónimo de esforzo, compromiso e solidariedade, pero que tamén quere igualdade.

 

Neste sentido, cuestionou que o PSOE diga no seu slogan que quere ao país cando “non se pode querer a España se demostras que non queres a Galicia”, e que outros partidos se enchan a boca coa palabra España ao tempo que defenden unha nación incompleta ignorando a nosa Comunidade ou crendo que dicir Galicia os converte en nacionalistas.

 

“A nós impórtanos Galicia porque nos importa España e impórtanos España porque nos importa Galicia”, subliñou antes de indicar que os populares defenden a Constitución enteira, sen saltarse ningún dos seus parágrafos: a igualdade de todos os españois, a liberdade, a convivencia, o respecto e o sentido común, o Estado das Autonomías, a unidade do país, o galego e o castelán, e tanto Galicia como España.

Síguenos nas redes sociais